Partido Popular de Lugo

Ameijide pregúntalle a Ana Pontón se “avala” que o BNG siga negociando millóns de euros nos despachos cun presunto acosador sexual e acepte o seu voto e de quen o encubriu para gobernar a Deputación de Lugo

Luns, 5 de xaneiro de 2026. O portavoz provincial popular, Antonio Ameijide, asegura que “o BNG di unha cousa e fai a contraria. Mentres Ana Pontón di que non apoiará ningún goberno no que haxa ningunha persoa acusada de casos de acoso sexual; o BNG lucense non só recoñece que acepta o voto de Tomé para seguir cogobernando a Deputación de Lugo, senón que, durante os últimos 20 días da presidencia de Tomé, negociou convenios millonarios con Concellos vinculados ao BNG”.

“O BNG fai o paripé de non acudir ás xuntas de goberno nin ao pleno extraordinario para aceptar a renuncia de Tomé, pero negocia millóns de euros a porta pechada”, incide o popular. De feito, o goberno de PSOE e BNG aprobou máis de 1,6M€ (1.668.336,38€) -o 97,3% do total de 1,7M€ (1.715.829,69€) aprobados na última xunta de goberno presidida por Tomé- para dirixir a Concellos onde o BNG ten responsabilidade de goberno ou a proposta de áreas que son competencia do BNG no goberno provincial.

O popular incide na “hipocrisía dos nacionalistas” que “din defender o feminismo; pero válelles calquera cousa para seguir pisando moqueta”. Nese sentido, pregúntalle directamente á líder do BNG, Ana Pontón, se “avala” que o BNG lucense siga negociando millóns de euros nos despachos de San Marcos cun presunto acosador sexual e que forme goberno co apoio directo e a dirección na sombra dun presunto acosador e da súa encubridora confesa porque “os galegos merecen saber a opinión da líder dos nacionalistas”.

“Tomé non só está a comprar as vontades dos seus, senón tamén do BNG ao negociar durante os últimos días na presidencia a inclusión de convenios na súa derradeira xunta de goberno para garantir votos”, engade. “Castro dicía que non ía ás xuntas de goberno de Tomé, pero agora sabemos que negociaba namentres nos despachos co presunto acosador o que ía a esas xuntas de goberno e fraguou co goberno provincial eses 1,6M€ en convenios”. Falta por saber se fará o mesmo despois do 14 de xaneiro nun goberno apoiado por José Tomé e Pilar García Porto”, engade o portavoz do PP.

O BNG PRECISA O VOTO DE TOMÉ PARA A VICEPRESIDENCIA

Ameijide lembra que “o BNG estivo formando parte do goberno provincial presidido por José Tomé durante 20 días despois de coñecerse as denuncias públicas e, 25 días despois, continúa formando parte do goberno da Deputación de Lugo con Pilar García Porto, que recoñeceu recentemente ser coñecedora dalgún caso”.

Ao respecto, o popular incide en que “a ex secretaria de organización do PSOE lucense, deputada provincial e voceira socialista na Deputación primeiro negaba calquera tipo de denuncia e, despois de 20 días sen dar a cara, recoñeceu no Pleno que ata se reuniu coa vítima e o presunto acosador para tratar de dilucidar o caso”.

Trala renuncia de Tomé á presidencia, o BNG di que a situación non é igual; pero “a realidade é que o BNG precisa o voto de Tomé, presunto acosador sexual, e de Pilar García Porto, encubridora, para ostentar a vicepresidencia da Deputación de Lugo”.

APOIO A TOMÉ

“Que non intenten enganar a ninguén”, advirte o popular toda vez que “o PSOE continúa a apoiar a Tomé manténdoo como alcalde de Monforte co apoio dos concelleiros socialistas e tamén na Deputación de Lugo onde lle reservan o lugar que, historicamente, ocupa o voceiro do PSOE”, expón o popular.

“Tomé sigue presente e á fronte, coma sempre, da Deputación e agora Efrén Castro confirma que co aval do BNG. Non sabemos que dirá o BNG autonómico de Ana Pontón”, conclúe.