Foz, 1 de xaneiro de 2026. O Partido Popular de Foz celebrou o pasado 30 de decembro unha Xuntanza de Nadal cos afiliados, nun encontro que contou coa presenza da presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, o senador popular, José Manuel Balseiro, o responsable do goberno autonómico en Lugo, Javier Arias, o portavoz do Grupo Provincial Popular na Deputación, Antonio Ameijide, así como membros do Grupo Municipal Popular de Foz, do Comité Executivo Local e numerosos afiliados.
Durante o acto, os populares realizaron un balance moi positivo de dous terzos de lexislatura, nos que o PP de Foz está a desenvolver unha oposición firme, responsable e constante fronte a un goberno local “en descomposición, sen proxecto e sen rumbo” tras a ruptura do bipartito e cun PSOE gobernando en solitario.
Desde o PP advertiuse do crecente malestar da veciñanza, froito da falta de iniciativas e do incumprimento reiterado das promesas realizadas polo alcalde. “O Concello vive das rendas do traballo feito polos gobernos do Partido Popular entre 2011 e 2019”, subliñaron.
Como exemplo desta situación, destacouse a depuradora, unha infraestrutura clave para Foz que será rematada grazas á Xunta de Galicia e cuxa tramitación foi impulsada polo anterior goberno municipal do PP.
No marco desta análise, o presidente local e voceiro municipal do PP de Foz, Javier Castiñeira, anunciou a súa decisión de dar un paso ao lado como candidato á Alcaldía nas vindeiras eleccións municipais, tras máis de 15 anos e catro candidaturas liderando o proxecto popular en Foz, apostando por un proceso de renovación que achegue frescura ao proxecto político local.
Castiñeira subliñou que este paso ao lado non supón unha retirada, xa que seguirá traballando con total dedicación como presidente local do partido e como voceiro popular no Concello, defendendo os intereses dos veciños e veciñas de Foz e implicándose “a tope” para que o Partido Popular recupere a Alcaldía.
Desde o PP de Foz explicouse tamén que xa se está a traballar na busca do mellor candidato ou candidata, así como das persoas que formarán parte da futura candidatura municipal, cun proceso aberto, serio e responsable. A decisión final tomarase e anunciarase nos vindeiros meses, e será consensuada polo Comité Executivo Local, co obxectivo de presentar á cidadanía un equipo sólido, renovado e preparado para gobernar.
Pola súa banda, a presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, quixo agradecer publicamente o traballo, a dedicación e o compromiso de Javier Castiñeira ao longo de todos estes anos, destacando a súa traxectoria e asegurando que “o Partido Popular segue contando con el como unha peza clave do proxecto en Foz”.
Candia tamén expresou o seu recoñecemento ao labor do Grupo Municipal do PP de Foz e a todos os afiliados, “polo traballo constante, pola unidade e pola implicación diaria para ofrecer unha alternativa seria e creíble ao actual goberno local”.
“A recuperación do Goberno de Foz é un obxectivo prioritario, porque é o mellor que lle pode pasar ao municipio e aos seus veciños. Está demostrado que cando gobernou o Partido Popular foi cando Foz máis prosperou, con proxectos, investimentos e unha xestión responsable”, afirmou a presidenta provincial.
O Partido Popular de Foz reafirma así a súa vontade de liderar o cambio político necesario no municipio, cun proxecto renovado, unido e centrado nas necesidades reais da veciñanza, para devolverlle ao Concello un goberno eficaz, solvente e comprometido co futuro de Foz.