Partido Popular de Lugo

O PP esixe incrementar o Plan Deputación para tódolos Concellos da provincia no 2026 ante PSOE e BNG que reparten “a dedo” só para os da súa mesma cor política

Martes, 30 de decembro de 2025. O portavoz do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, denunciou durante o Pleno ordinario deste martes que o goberno provincial de PSOE e BNG propón para o ano 2026 un Plan Deputación “claramente insuficiente” para a cooperación cos Concellos da provincia; cando dirixiron este ano máis de 14M€ en convenios “a dedo”, na práctica totalidade, só a Concellos gobernados polas súas cores políticas.

Ameijide condenou, neste sentido, que PSOE e BNG se neguen a incrementar a achega da institución provincial ao Plan Deputación para tódolos Concellos e flexibilizar o seu uso por parte dos Concellos como trasladaron os deputados do PP nas súas propostas para os orzamentos provinciais do 2026 despois de recoller as demandas de alcaldes e portavoces nas reunións de traballo co Grupo Provincial.

O portavoz popular advertiu que o incremento dun 1,14% con respecto ao ano anterior é “a terceira parte do que medran os orzamentos provinciais”, unha suba inferior á inflación e que provoca que “o 100% dos concellos da provincia perda poder adquisitivo para afrontar gastos e investimentos”.

Desde o Grupo Provincial Popular propuxérase, nas súas achegas de cara ao orzamento provincial para o 2026, incrementar o Plan Deputación en 10 millóns de euros. Ameijide explica que esa cantidade se pode obter do diñeiro que PSOE e BNG dirixen a dedo a Concellos gobernados, principalmente, pola súas cores políticas: máis de 14 millóns de euros en 88 convenios neste ano.

O portavoz popular tamén criticou a “falta de flexibilidade” do Plan Deputación, denunciando que o goberno provincial “impide aos Concellos destinar estes fondos a determinados usos”, como gastos correntes ou actividades culturais, mentres que “si permite financiar esas mesmas actuacións a través de convenios a dedo cos concellos afíns”.

Ameijide lembrou que o Plan Deputación é “a ferramenta máis xusta de colaboración da Deputación cos Concellos” e un instrumento obrigatorio por lei para a cooperación cos Concellos. Ademais, subliñou que o actual Plan Deputación —antes coñecido como Plan Único— “é froito do acordo entre PSOE e PP”, nun momento no que “os socialistas eran capaces de dialogar e chegar a acordos”. E o BNG que se erixe como autor, incluso abandonara o goberno provincial no momento no se acadou ese acordo.

Os deputados do Grupo Provincial Popular abstivéronse porque “estamos de acordo coa necesidade dun Plan provincial para cooperar cos Concellos xusto, transparente e baseado en criterios obxectivos como fora concibido inicialmente”. Pero, na actualidade é insuficiente, porque “non se está a mellorar nas súas bases, coberturas nin medra sequera na mesma porcentaxe que os orzamentos da institución provincial”.

O popular condenou que “PSOE e BNG prefiran dilapidar o diñeiro de tódolos lucenses en convenios a dedo que repartir de forma igualitaria e con criterios obxectivos entre tódolos Concellos da provincia”.