Os deputados do Grupo Provincial Popular acadaron a reprobación, co apoio do BNG, de José Tomé, denunciado na canle interna do PSOE por presunto acoso sexual, Pilar García Porto, Lara Méndez e José Ramón Gómez Besteiro, por encubrir os casos.
O voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, destacou, en primeiro termo, “o noso apoio ás mulleres vítimas de calquera tipo de acoso ou agresión sexual e, concretamente, ás mulleres que presuntamente foron vítimas do que ata hoxe ostentaba a presidencia desta institución”, ao que engade que durante o pleno de hoxe “constatamos como senón se chegan a facer públicos os casos de presunto acoso nunha canle de televisión, nunha se tería actuado no PSOE, tal e como recoñeceu Pilar García Porto durante o pleno”.
“Estamos aquí para reprobar a conduta de quen se aferra a seguir formando parte da Deputación e de quen tentou tapar todo, e podémolo dicir con nomes e apelidos: José Tomé Roca, acusado de presuntos acosos sexuais por varias mulleres, tocamentos, insinuacións, mensaxes inapropiadas…ata de ofrecer postos de traballo público a cambio de sexo; Pilar García Porto, Lara Méndez López, e o líder do socialismo galego, José Ramón Gómez Besteiro”, sinalou.
Antonio Ameijide afeou a Tomé que “sempre presumiu de que ía traer a normalidade democrática á Deputación de Lugo, que era a persoa que ía dignificar a política e a traballar con honestidade dende a presidencia, pero dignidade parece que é o adxectivo máis afastado da conduta de José Tomé á fronte desta institución”.
Ademais, “cómpre reprobar a actitude dos encubridores” porque, recordou o voceiro popular, “cambiaron ata en catro ocasións de versión” pasando de que “nun primeiro momento non sabían nada ata, finalmente, recoñecer que o sabían e que ata mantiveran xuntanzas con familiares dalgunha das vítimas”.
Unha actitude que afean os populares que tamén denuncian que “queda claro que José Tomé segue máis activo que nunca dentro do PSOE, non só o manteñen á fronte do Concello de Monforte, senón que tamén lle entregaron a cadeira que historicamente ocuparon os voceiros socialistas, deixando claro que vai a seguir sendo o presidente na sombra”.
FORMACIÓN DO NOVO GOBERNO PROVINCIAL
O voceiro popular tamén se dirixiu aos representantes do BNG e preguntoulles “se van a sentarse a negociar a formación dun novo goberno co Pilar García Porto, unha das encubridoras, e se van a aceptar o voto de José Tomé para manter a vicepresidencia da Deputación”.
Durante a súa intervención, Ameijide tamén preguntou aos deputados do BNG “por que non romperon o goberno provincial e se nas próximas semanas van a pesar máis os cargos ou o feminismo”.
Neste senso, o popular explicou que durante estas tres semanas “a Deputación quedou manchada por condutas absolutamente deleznables, polo que a única forma de limpar unha mancha é quitala, é dicir, retirar o que produce esa mancha”.
Neste senso, dende o Grupo Provincial Popular preguntan aos responsables do BNG “como van a mirar á cara das mulleres e homes que os votaron, mentres pactan con presuntos acosadores sexuais e con quen recoñeceu hoxe publicamente que o sabía todo e non fixo nada ata que saíu na televisión”.