Monforte, 29 de novembro de 2025. Os concelleiros do Grupo Municipal Popular denunciaron “a grave situación institucional” que atravesa o Concello de Monforte de Lemos, cun alcalde, José Tomé, que continúa no cargo pese ás denuncias internas por presunto acoso sexual coñecidas publicamente.
A voceira municipal popular, Katy Varela, defendeu unha moción na que se esixiu a dimisión inmediata do alcalde porque “ante tales acusacións debe de defenderse fóra da esfera política para evitar danar, aínda máis, a imaxe do Concello e de todo o municipio”.
Katy Varela recordou que o 10 de decembro de 2025, José Tomé anunciou publicamente a súa renuncia á militancia no PSOE e aos seus cargos orgánicos no partido, trala publicación nos medios de comunicación da existencia de denuncias presentadas por varias mulleres na canle ética do Partido Socialista por presunto acoso sexual.
Unha rolda de prensa na que afirmou que tamén os concelleiros do seu grupo abandonarían o partido e que el deixaría a presidencia da Deputación de Lugo para non danar a imaxe desa institución, decidindo, ademais, continuar como alcalde de Monforte de Lemos.
Antes esta situación, a pregunta por parte de Katy Varela foi clara e directa: “señor Tomé, o Concello de Monforte ten menor categoría ou é que lle importa menos danar a imaxe desta institución que a da Deputación Provincial de Lugo”.
Ademais, cómpre recordar como “o alcalde mentiu publicamente a todos os monfortinos” porque tras anunciar que el e os concelleiros do seu equipo abandonarían a militancia no PSOE, atopámonos como nas comisións informativas do pasado luns “comprobamos que os concelleiros de José Tomé seguen formando parte do Grupo Socialista, así como José Tomé asegurou entón que en ningún momento dixo que se marchasen con el”.
Para Katy Varela este “despropósito” evidencia unha situación de “total inestabilidade e liorta interna no equipo de goberno, que fai insostible a continuidade do actual alcalde”.
“Non se pode tolerar nin un minuto máis esta situación. A crise institucional na que se atopa o Concello de Monforte non ten precedentes na historia e hai que deter esta hemorraxia de inmediato”, lamentou.
Katy Varela afirmou que “Monforte merece dignidade, transparencia e respecto institucional” polo que “esiximos no plano a dimisión do alcalde, algo que se nega a facer o BNG, que coa súa complicidade segue amparando todas as accións de José Tomé, porque á hora da verdade, hoxe aquí, é onde hai que esixir explicacións, responsabilidades e dimisións”.