Lugo, 27 de decembro de 2025.– Os senadores do PP lucense -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- consideran “insuficientes” os plans do Goberno de Sánchez para a N-120, a principal vía de comunicación para as comarcas do sur da provincia, porque “non inclúe dobre carril na provincia de Lugo nin se compromete ao arranxo integral da vía”.
Os populares explican que “se ben é certo que o Executivo confirma que están en redacción os proxectos para a construción dos carrís adicionais entre Os Peares e Ourense, o Goberno de Sánchez non compromete melloras nos tramos lucenses desta estrada nacional”.
Ademais, lamentan que a resposta oficial se limite a falar dun desdobramento de carrís na provincia de Ourense anunciado en 2023 e aínda non executado; polo que esta actuación que contribuiría a mellorar a comunicación con Ourense “acumula unha parálise de case 3 anos”.
Os populares trasladaron formalmente ao Senado preguntas en relación ás xestións do Goberno de Sánchez para dar cumprimento ao acordo adoptado por unanimidade no Pleno do Concello de Monforte de Lemos para instar tamén ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible a rehabilitar o firme da N-120 dende o enlace coa A-6 ata Ourense.
Neste sentido, o Executivo estatal asegura que continuará realizando tarefas de rebacheo nesta estrada nacional en canto o tempo o permita; “pero non compromete prazos nin fala da demandada rehabilitación integral”.
O mal estado do firme e o seu trazado lastra as comunicacións da zona onde se acumulan queixas polo gran deterioro da vía en moitos tramos onde presenta buratos, gretas ou blandóns que xeran riscos para a seguridade viaria. “A realidade é que, ata a data, ningunha intervención foi capaz de arranxar o firme dunha infraestrutura moi utilizada”.
MÁIS INICIATIVAS NO SENADO
Os populares esixen a “rehabilitación integral do pavimento, a a mellora da sinalización viaria e do trazado da N-120 nos tramos lucenses da estrada”. De feito, teñen anunciado recentemente unha iniciativa neste sentido na que tamén lle esixen ao Goberno de Sánchez “cumpra o compromiso de desenvolver o terceiro carril entre Guítara (Pantón) e Ourense, así como estudar o desdobramento da vía alí onde sexa tecnicamente viable”.
Os populares aseguran que continuarán a “facer presión dende o Senado” para que “o Goberno de Sánchez tome en serio a situación da N-120”.