Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte denuncian que os veciños da cidade volveron a sufrir en Noiteboa e no día de Nadal novos problemas co subministro de auga potable, por mor dunha avaría localizada no centro urbano.
A voceira municipal popular, Katy Varela, explica que “o máis grave non foi a avaría que tivo lugar en Noiteboa, senón que onte había moitos veciños que aínda carecían do servizo”.
Katy Varela denuncia que “seguimos a sufrir cortes no servizo” a pesar dos numerosos anuncios de José Tomé para solucionar os problemas e mellorar o servizo. “Vemos como agora se cumpre un ano do anuncio do alcalde dunha suposta inversión de 10M€ para mellorar o abastecemento de auga, pero un ano despois, nada se sabe desa inversión”, lamentou.
Un anunciou sobre o que o Grupo Municipal Popular realizou varias preguntas durante o verán, que tiveron como resposta por parte de José Tomé que “serían difícil executar eses cartos”.
Hai aínda menos tempo, o alcalde tamén anunciou a sinatura dun convenio para actuacións de saneamento por un importe de 7,9M€, “expediente do que se solicitou acceso e copia pero, incomprensiblemente, o goberno municipal négase a entregalo, o que esperta serias dúbidas sobre a súa propia existencia”.
Katy Varela reflexiona sobre que, unha vez pasado o ecuador do actual mandato, “o balance de José Tomé é claramente negativo: Non se cumpriron moitas das promesas anunciadas, nin a chegada da empresa farmacéutica, nin da empresa madeireira, nin os millóns prometidos para abastecemento e saneamento, nin tampouco a tan anunciada praia fluvial”.
“Agora vemos como o legado que deixará Tomé do seu paso pola presidencia da Deputación, Monforte contará cunha fonte no parque dos Condes, cun custo de 700.000€, quizais para que os veciños e veciñas poidan ir coller auga cando non a teñan nas súas casas”, ironizou.