Partido Popular de Lugo

PSOE e BNG renuncian aos seus principios ao permitir que Tomé siga aferrándose aos cargos pese ás denuncias por presunto acoso sexual

O PP de Lugo defenderá nos vindeiros plenos da Deputación de Lugo, do Concello de Lugo e do Concello de Monforte de Lemos unha moción para reprobar a José Tomé Roca, e a quen o encubriu, polos “gravísimos” feitos coñecidos publicamente nos últimos días e para esixir responsabilidades acordes á gravidade das denuncias por presunto acoso sexual.

Así o anunciaron os voceiros en cada unha das administracións, Elena Candia, Antonio Ameijide e Katy Varela.

Os populares consideran que “estamos ante unha situación sen precedentes na provincia, que require explicacións claras, transparencia absoluta e unha resposta institucional firme, á altura do que a sociedade demanda cando se coñecen feitos desta natureza, especialmente cando afectan a persoas que ostentaron as máximas responsabilidades políticas e institucionais”.

Dende o PP de Lugo amosan o seu apoio e solidariedade ás denunciantes e reclaman que os feitos sexan investigados ata as últimas consecuencias, tanto no ámbito xudicial como no político, advertindo de que “calquera intento de minimizar ou ocultar situacións deste tipo supón unha mensaxe moi negativa para a loita contra a violencia de xénero e un grave prexuízo para a confianza da cidadanía nas institucións”.

Os populares preguntan “que poden pensar as mulleres do PSOE ao ver como unha persoa acusada, presuntamente, de varios casos de acoso sexual segue sentada no mesmo sillón, tirando polo chan o que dicían que eran os principios identitarios do seu propio partido”.

O BNG terá a oportunidade de demostrar publicamente se vai a seguir blanqueando a Tomé, ao partido que tapou todo e a deputada que o encubriu, ou se vai a optar por poñerse do lado das vítimas e deixar de inventar escusas para intentar desviar a atención. “Teñen que elixir, ou están do lado das vítimas ou seguirán por defender os seus sillóns mirando cara outro lado”, sinalaron.

No caso da Deputación de Lugo e do Concello de Lugo, o PP defenderá a reprobación de José Tomé e dos responsables socialistas que, segundo diversas informacións, coñeceron as denuncias e non actuaron.

Pola súa banda, no Concello de Monforte de Lemos, o Grupo Municipal Popular solicitará a dimisión de José Tomé como alcalde, ao considerar que a gravidade dos feitos denunciados é absolutamente incompatible co exercicio de calquera responsabilidade institucional, máis aínda tratándose da máxima autoridade municipal.

Desde o PP de Lugo lembran que “asumir responsabilidades políticas non é unha condena xudicial, senón unha esixencia ética e democrática imprescindible para preservar a dignidade das institucións e o respecto ás vítimas”.

“Lugo non pode mirar para outro lado ante uns feitos tan graves e dende as institucións debemos enviar unha mensaxe clara á cidadanía: tolerancia cero fronte a calquera conduta que atente contra a liberdade e a dignidade das mulleres”, sinalaron.