Pol, 23 de decembro de 2025. O Grupo Municipal Popular de Pol considera “claramente negativo” o balance do último ano de goberno municipal, un período no que “os feitos evidencian unha preocupante falta de planificación, o abandono dos servizos básicos e unha deriva autoritaria na forma de gobernar por parte do alcalde”, segundo manifesta a portavoz, Nicole Grueira.
Un dos datos máis alarmantes é a débeda acumulada polo Concello, que se sitúa próxima aos 5 millóns de euros, comprometendo seriamente o futuro económico da institución e limitando a súa capacidade para dar resposta ás necesidades reais dos veciños e veciñas.
No ámbito educativo, a situación é “especialmente grave”. O colexio continúa sen conserxe por decisión directa do alcalde, unha circunstancia que segue sen corrixirse e que xera inseguridade na comunidade educativa. Ademais, o Concello non está a cumprir coas súas competencias nesta materia, xa que o Punto de Atención á Infancia (PAI) mantense en condicións deplorables, sen medidas eficaces para mellorar un servizo esencial para moitas familias. Dende o PP presentáronse múltiples iniciativas para abordar esta problemática, que nin sequera o alcalde permitiu debater no pleno municipal.
Outro dos problemas máis denunciados polos veciños é o mal estado das pistas municipais, que continúan sen arranxarse, afectando directamente á mobilidade e á seguridade no municipio. A isto súmase a recente suba dos impostos da auga e do lixo, unha decisión que incrementa a carga económica sobre a cidadanía sen que exista unha mellora proporcional nos servizos prestados. Unha vez máis, “a mala xestión do alcalde acaba sendo pagada polos veciños do seu propio peto”.
A lista de incidencias complétase cunha multa de 4.000 euros ao Concello por utilizar o autobús municipal sen cumprir a normativa vixente, poñendo en risco aos usuarios, incluídos menores de idade, así como cos atrasos no pago das nóminas ao persoal municipal, que non cobrou a do mes de agosto en tempo e forma, algo totalmente inaceptable nunha administración pública.
No plano institucional, o alcalde mantivo unha actitude reiterada de faltas de respecto e de veto ao acceso á información pública, vulnerando principios básicos de transparencia e participación democrática. Esta situación obrigou ao Grupo Municipal Popular a recorrer á Valedora do Pobo para esixir o cumprimento da lei. Ademais, a creación dunha fundación pública esperta serias dúbidas sobre a súa finalidade e sobre a correcta xestión dos recursos públicos.
Por último, resulta evidente que o alcalde segue centrando a súa acción política case exclusivamente no ámbito do fútbol, mentres os problemas reais e cotiáns dos veciños e veciñas de Pol permanecen sen resposta.
Por todo isto, dende o Grupo Municipal Popular consideramos que Pol necesita urxentemente un cambio na forma de gobernar, baseado na responsabilidade, na transparencia e na atención prioritaria ás necesidades reais da veciñanza.