Partido Popular de Lugo

O PP de Monforte insta a Tomé a dimitir da alcaldía e critica que se negue a aclarar se todos os concelleiros de goberno forman parte do Grupo Socialista

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Monforte de Lemos ofreceron hoxe unha rolda de prensa para dar conta dunha situación que consideran “moi grave” como é que “a día de hoxe José Tomé segue sen explicar publicamente en que situación se atopa o Concello de Monforte”.

A voceira popular, Katy Varela, acompañada dos concelleiros do Grupo Municipal, recordou que “no pleno do luns defenderemos unha moción para pedir a dimisión de José Tomé como alcalde” xa que “tralo grave escándalo de suposto acoso sexual pola súa parte contra seis mulleres continúa exercendo como alcalde, pero debería de dar un paso atrás como rexedor municipal e entregar a acta”.

Katy Varela sinala que, segundo o emitido nun programa de televisión no que se lle atribúe supostamente ter ofrecido un posto de traballo no Concello de Monforte a cambio de sexo, “esta persoa non pode seguir nin un minuto máis á fronte da alcaldía, polo ben da imaxe da cidade, da institución e da súa propia credibilidade”.

Ademais, Varela fixo fincapé “na confusión” que hai no goberno local, xa que “despois de que Tomé anunciara que tanto el como os seus concelleiros deixaban o grupo socialista, hoxe recoñeceu, ao ser preguntado pola situación na que quedaba o Concello, que os concelleiros que o acompañaban formaban parte do Grupo Socialista”.

“Non sabemos se se incluía el mesmo ou non como membro do Grupo Socialista, pero parécenos unha auténtica tomadura de pelo que non aclare a situación real na que se atopa o goberno local e o propio Concello de Monforte”, criticou.

MALA ACTITUDE DE JOSÉ TOMÉ

Katy Varela tamén lamenta as palabras que lle dirixiu o alcalde de Monforte durante a primeira comisión informativa, a de Facenda.

A voceira do Grupo Popular denuncia o trato recibido por parte do alcalde, cualificándoo de “borde e desagradable”, nun episodio presenciado por outra concelleira do grupo. “Atacoume de maneira inxustificada, facendo comentarios sobre a miña lingua e dicíndome que tiña que controlala, incluso cuestionando por que preguntabamos pola situación do Grupo Socialista”, sinalou.

Katy Varela replicou que, ante unha crise institucional de tal magnitude, “tanto a cidadanía de Monforte como todos os concelleiros temos dereito a saber en que situación real se atopa o Concello”.

O BNG, DE PERFIL

Os concelleiros populares amosaron a súa sorpresa e preocupación pola postura do BNG, ao non presentar ningunha iniciativa solicitando a dimisión do alcalde. “Cada grupo pode defender a moción que considere oportuna, pero neste momento impulsar iniciativas distintas a pedir a dimisión de José Tomé non nos parece acertado e, para nós, supón un apoio ao alcalde porque todo o que sexa poñerse de perfil e dar osíxeno ao alcalde ante esta situación tan grave”, afirmaron.

Katy Varela considera “moi grave” que, nun pleno no que a atención se vai centrar inevitablemente na crise institucional e nas graves acusacións que afectan ao alcalde, o BNG “opte por branquear ao máximo a súa figura”. “Non entendemos os motivos, xa terán eles ocasión de explicalos”, conclúen.