Partido Popular de Lugo

Grazas á presión do PP no Senado o Goberno cambia de opinión e interésase pola Gran Senda do Navia

Lugo, 22 de decembro de 2025. Grazas á presión dos senadores do PP pola provincia de Lugo José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano; o Goberno de Sánchez cambia de opinión con respecto á Gran Senda do Navia e agora interésase por declarar este itinerario de interese xeral do Estado para acometer as obras recoñecendo “o interese do territorio nesta proposta”.

Ante unha pregunta dos senadores populares, o Goberno de Sánchez non incluía en resposta oficial a Gran Senda do Navia entre as prioridade dos Caminos Naturales para o que só citaba a Ruta do Cantábrico.

Posteriormente, o Senado aprobaba en maio unha iniciativa do Grupo Popular, coa abstención do PSOE, para instar ao Goberno de Sánchez a recuperar, financiar e executar a Gran Senda do Navia declarándoa de interese xeral para o seu uso sendeirista e cicloturista dentro do programa Caminos Naturales ou mediante unha iniciativa específica.

Os representantes lucenses do PP volveron insistir toda vez que, segundo o artigo 178.2 do Regulamento do Senado, o Goberno debe informar sobre o seu cumprimento no período dos 6 meses seguintes á aprobación de iniciativas na Cámara.

Os senadores populares consideran positivas todas as iniciativas que levan presentado na Cámara Alta en defensa da ruta peonil e cicloturista a carón do río Navia, dende o seu nacemento ata a súa desembocadura- pasando por 7 concellos lucenses e 9 asturianos.

“Galegos e asturianos non queremos ser máis que ninguén, pero tampouco menos”; polo que celebran “esta rectificación” coa que dan cumprimento a unha demanda social trasladada tamén polos 16 rexedores de distinta cor política e aprobada, por unanimidade, na Comisión de Agricultura, Pesca y Alimentación do Congreso dos Deputados na sesión do 27 de abril de 2022.

Con todo, advirten que “o Executivo segue priorizando a Ruta do Cantábrico pospoñendo a execución da Gran Senda do Navia ata a finalización do gran eixo Ruta do Cantábrico”.

AMBICIOSO PROXECTO INTERAUTONÓMICO

Este proxecto interautonómico, promovido dende a sociedade civil -colectivos como a Sociedad Amigos de Boal- co apoio das Federacións de Montaña de Galicia y Asturias e a Fundación Parque Histórico del Navia, foi presentado ao Goberno de España no 2018 e precisaría dun orzamento estimado de 4,2M€ para o seu desenvolvemento.

A ambiciosa iniciativa aproveitaría os camiños tradicionais existentes e recuperaría outros en desuso converteríase nun “revulsivo” para o territorio; xa que permitiría “divulgar a riqueza paisaxística, patrimonial e cultural” e fomentar “a dinamización turística, recreativa, medioambiental creando emprego e riqueza que favoreza fixar e atraer poboación”. Ademais, permitiría conectar os tres Camiños de Santiago (Francés, Primitivo e do Norte) que son Patrimonio Mundial.

Os senadores sosteñen que “a Gran Senda do Navia comparte os obxectivos de promover o desenvolvemento rural coa rede de Caminos Naturales de España que financia e executa o Goberno de España, a través do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación”.