Partido Popular de Lugo

O Goberno de Sánchez obrigado a explicar no Senado, ante preguntas do PP, por que non cubre as vacantes nos cuarteis da Garda Civil da provincia

Lugo, 20 de decembro de 2025. Os senadores pola provincia de Lugo José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano rexistraron no Senado unha batería de iniciativas dirixidas ao Goberno de España para esixir explicacións e solucións ante a situación de precariedade na que se atopa a Garda Civil na provincia con prazas vacantes, un catálogo de postos que está sen actualizar dende o 2012, ausencia de reforzo durante o verán e unha carencia xeneralizada de medios.

As iniciativas trasladan directamente as demandas e preocupacións expostas por representantes das asociacións profesionais de gardas civís que operan no territorio lucense (Asociación Española de Guardias Civiles – AUGC) durante unha reunión cos representantes do PP por Lugo no Senado que destacaron a importancia deste corpo de seguridade “básico para o rural”.

Segundo advirten estes colectivos, os catálogos de postos de traballo non foron revisados desde o ano 2012, a pesar do incremento de funcións asumidas polos axentes, especialmente tras a creación de novas unidades como VioGén, dedicada á loita contra a violencia de xénero, ou as especialidades vinculadas á ciberdelincuencia.

A situación resulta especialmente preocupante en comarcas como a da Mariña lucense, onde as asociacións de gardas civís veñen alertando dunha escaseza crónica de medios e efectivos. Os senadores lucenses poñen o foco no feito de que, das 29 vacantes ofertadas recentemente polo Ministerio do Interior na provincia de Lugo, só unha se asignou a esta comarca. Así mesmo, lembran que a poboación se incrementa de forma notable durante o verán, o Nadal e os períodos vacacionais na comarca sen que se envíen reforzos da Garda Civil como se producía en anos anteriores.

Así, os senadores populares solicitan ao Goberno de Sánchez que detalle cal é o catálogo de postos de traballo existente nos distintos cuarteis da Garda Civil da provincia e cantas desas prazas están vacantes na actualidade, alertando de que a falta de persoal compromete seriamente a capacidade operativa do corpo. E tamén se contempla reforzar os cuarteis nas épocas de maior afluencia de visitantes, como o próximo verán.

CARENCIAS ESTRUTURAIS

Ademais, a Garda Civil na provincia de Lugo sofre desde hai anos importantes carencias estruturais que afectan de maneira directa ao servizo que se presta á cidadanía. Entre os problemas sinalados figuran o uso de vehículos antigos e en mal estado, a falta de material policial adecuado, a limitación de efectivos, infraestruturas obsoletas e a ausencia de quendas de traballo debidamente estruturadas.

Ante esta situación, os senadores lucenses preguntan ao Executivo que medidas concretas ten previsto adoptar para corrixir estas deficiencias e mellorar as condicións de traballo dos axentes, así como para garantir unha resposta eficaz ante emerxencias, a prevención de delitos e a adecuada atención cidadá no conxunto da provincia.

Os senadores de Lugo subliñan que estas preguntas responden o compromiso de defender a seguridade cidadá, o equilibrio territorial e unhas condicións de traballo dignas para os profesionais da Garda Civil, especialmente nunha provincia extensa e dispersa como a de Lugo, “onde o seu papel resulta esencial”.