Lugo, 19 de decembro de 2025. Os representantes do PP por Lugo levarán ás Cortes Xerais, tanto ao Congreso coma ao Senado, a reivindicación da sociedade lucense -empresarios, colectivos, alcaldes e portavoces de distintas cores políticas- para que o Goberno de Sánchez execute a A-56 entre as cidades de Lugo e Ourense “sen renunciar a que sexa autovía”.
Os populares temen que, coa resposta do Goberno ás preguntas formuladas recentemente polos deputados onde o Executivo evitaba denominar autovía á A-56 substituíndo a súa denominación por corredor e condicionaba a súa construción a un novo estudo integral, “o Goberno de Sánchez pretenda renunciar á que a A-56 sexa unha autovía a todos os efectos” e “desandar o andado e atrasar a obra” porque “volver a empezar de cero é simplemente unha escusa”. De feito, lembran que “xa dispoñía de estudos, proxectos e, incluso, de declaración ambiental, xa caducada”.
Os deputados esixirán no Congreso explicacións sobre este “cambio de plantexamento” por parte do Goberno de Sánchez incidindo, especialmente, en coñecer “a motivación para facer un novo estudo” e esixir aclarar aos lucenses “se o Executivo descarta a execución da autovía”.
Os senadores, con maioría absoluta do Grupo Popular na Cámara Alta, esixirán ao Executivo o impulso á execución da autovía A-56 entre as cidades de Lugo e Ourense que, na provincia de Lugo, dispón dun só tramo en funcionamento adquirindo, ademais, compromisos concretos: a presentación, no prazo dun mes, dun cronograma definido cos compromisos temporais e orzamentarios necesarios e o calendario de execución dos trámites administrativos e das obras de todos os tramos pendentes desta autovía.
Os populares teñen presente a reivindicación social en materia de infraestruturas viarias da zona suroeste que permitan a comunicación con Ourense en condicións de seguridade e, ao mesmo tempo, a vertebración do interior de Galicia para favorecer a competitividade do noso territorio.
Á vista de que o Goberno de Sánchez e, especificamente, o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, está a incumprir en materia de seguridade viaria; os populares tamén esixen, de forma urxente, completar a rehabilitación do firme da N-540 anunciada no 2024. O firme desta estrada nacional, que é o itinerario alternativo por estrada, precisa da súa reparación inmediata; xa que presenta “un elevado grado de deterioro que supón un risco permanente para os usuarios desta vía”. Un dos peores tramos atópase en Pereira (Chantada) onde un carril foi valado con conos e sinais de obra ao ser “intransitable”.
Os populares advirten que “o Goberno de Pedro Sánchez, apoiado entre outras forzas polo BNG, demostra unha falta de compromiso constante coas infraestruturas viarias e, en particular, cos proxectos pendentes na provincia que mantén totalmente paralizados”. Esta falta de impulso, “supón un lastre para o desenvolvemento económico da zona, a competitividade das empresas e a cohesión territorial de ambas provincias”.
O PP lucense vén presentando iniciativas e reclamando a construción da autovía A-56 e a mellora da N-540 de forma periódica nas distintas cámaras parlamentarias. Tanto o BNG coma o PSOE votaron en contra de esixir ao Estado a construción da A-56 e o asfaltado completo da N-540 no Pleno de abril deste ano na Deputación de Lugo.