O Partido Popular de Cervantes celebrou unha nova reunión do seu comité executivo para facer balance da actividade realizada ao longo do ano 2025, un período marcado polo “traballo constante, a defensa dos intereses da veciñanza e a consecución de avances importantes para o municipio”.
O presidente do PP de Cervantes, Óscar Fernández, puxo en valor o esforzo realizado por todo o equipo popular, sinalando que “os logros acadados son froito dun traballo conxunto e comprometido, no que todos remamos na mesma dirección polo ben de Cervantes”.
Durante o ano 2025, o Grupo Municipal Popular defendeu no pleno do Concello 17 mocións, 32 rogos e 21 preguntas, unha intensa actividade que reflicte o seu papel activo e fiscalizador do goberno local.
Entre os principais obxectivos acadados dende o inicio do mandato destacan:
- aumento da cota de afiliación nun 95%, un dato que evidencia o crecemento e fortalecemento do proxecto popular no municipio
- conseguiuse que, por primeira vez, as sesións plenarias do Concello de Cervantes sexan gravadas e retransmitidas, unha medida de transparencia que o goberno local socialista tentou impedir
- inclusión nos orzamentos municipais do pago da quilometraxe ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), atendendo así a unha demanda xusta e necesaria
- licitación e execución de numerosas obras, como o arranxo de fontes e camiños, entre eles o de Noudelo, os accesos a Savane e Vilartatín, a estrada de Quindous ao cruce da Folgueiroa, o acceso a un domicilio en San Pedro ou o arranxo da estrada de Cancillós ao Portelo, mellorando notablemente a seguridade e a calidade de vida da veciñanza
Ademais, foi grazas ao traballo do Partido Popular, que liderou a petición dun pleno extraordinario, para solicitar un novo convenio destinado ao arranxo dos tellados das Pallozas de Piornedo, un elemento patrimonial de gran valor histórico e identificativo do municipio.
Dende o PP de Cervantes tamén destacan o apoio e a colaboración da Xunta de Galicia cos concellos rurais, poñendo en valor, entre outras actuacións, a implicación da administración autonómica no aumento das paradas do transporte escolar no municipio.
Óscar Fernández asegurou que “este balance demostra que cando hai traballo en equipo, compromiso e proximidade cos veciños, os resultados chegan”.