Lugo, 16 de decembro de 2025. O senador do PP lucense José Manuel Balseiro defenderá este mércores na Comisión de Transformación Dixital unha iniciativa para instar ao Goberno de Sánchez a garantir o despregamento de infraestruturas de telecomunicacións en todo o territorio, con especial atención ás zonas rurais da provincia de Lugo.
A proposta dos populares ten como obxectivo combater a fenda dixital, reforzar a cohesión social e territorial e asegurar que a conectividade chegue a toda a cidadanía, viva onde viva.
En concreto, a iniciativa do Grupo Popular reclama ao Goberno que garanta o despregamento de infraestruturas de telecomunicacións nos municipios que o necesiten, ofrecendo o apoio necesario para que os beneficios destas redes alcancen a toda a poboación. Así mesmo, insta a avanzar no despregamento da fibra óptica en todo o territorio, ao considerala unha vantaxe competitiva para España, e a impulsar a extensión das redes de telefonía móbil e de tecnoloxía 5G, con especial atención ao ámbito rural.
De maneira específica, a proposta esixe garantir o acceso a telefonía móbil e fibra óptica na totalidade da provincia de Lugo, así como outros servizos de conectividade que permitan superar a actual situación de “sombra” ou “apagamento dixital” que sofren numerosos municipios rurais e mesmo o acceso por autovía á capital lucense.
O popular denuncia que “a pesar das reiteradas promesas do Goberno de Sánchez, grandes áreas da provincia de Lugo continúan sen cobertura de telefonía móbil nin acceso a fibra óptica, unha situación que lastra o desenvolvemento laboral, educativo e económico de veciños e empresas”.
“A conectividade é hoxe un servizo básico imprescindible. Non se pode falar de igualdade de oportunidades nin de loita contra o despoboamento mentres haxa territorios enteiros sen acceso real a internet ou á telefonía móbil”, subliña Balseiro.
Desde o PP lembran ademais o paradoxo de que, mentres o Goberno presume de pechar a fenda dixital e xestiona importantes fondos europeos destinados a conectividade, moitas zonas seguen excluídas pola renuncia de adxudicatarios ou pola falta de impulso efectivo da administración estatal.
Municipios da Montaña lucense ou parroquias como A Senra, Trasbar e Castelo, no concello de Cervo, son algúns exemplos desta situación, que non só afecta ao rural; senón tamén a infraestruturas estratéxicas como o acceso por autovía á cidade de Lugo.
Por todo iso, o Grupo Popular reclama un compromiso real e efectivo do Goberno de España para garantir a conectividade dixital en todo o territorio e acabar dunha vez co apagamento dixital que aínda sofren demasiados cidadáns.