Partido Popular de Lugo

O PP de Pol acode á Valedora do Pobo ante as trabas de Lino Rodríguez para acceder “a expedientes concretos” da xestión diaria municipal

Pol, 16 de decembro de 2025. A voceira municipal do PP de Pol, Nicole Grueira, vén de rexistrar unha petición de amparo ante a Valedora do Pobo “ante as reiteradas trabas” impostas por Lino Rodríguez para acceder a “expedientes concretos” do funcionamento diario do Concello, como por exemplo aqueles relacionados co autobús municpal.

Nicole Grueira sinala que “hai expedientes aos que se pediu acceso ata en tres ocasións diferentes, pero a realidade é que seguimos sen poder acceder á información solicitada”.

A voceira popular recorda que a lexislación vixente establece un prazo de cinco días para dar acceso aos expedientes e á documentación solicitada.

“Que agocha o alcalde de Pol?”, pregunta directamente a voceira popular, Nicole Grueira, despois de ver como Lino Rodríguez négase a poñer a disposición dos concelleiros populares parte dos expedientes solicitados.

A voceira popular explica que “despois de moitos atrancos e impedimentos de acceso, vémonos na obriga de acudir á Valedora do Pobo para exercer a nosa labor de fiscalización e control ao goberno local” porque “Lino Rodríguez está a dificultar e, en moitos casos negar, o acceso á documentación propia do funcionamento diario do Concello”.