Partido Popular de Lugo

O Senado esixe ao Goberno a cesión do antigo colexio de Celeiro

Madrid, 15 de decembro de 2025. A comisión de Seguridade Social do Senado esixe ao Goberno de España a cesión do antigo colexio Pedrosa Latas de Celeiro a favor do Concello de Viveiro.

Prospera así unha moción promovida polos senadores do Partido Popular que conta con maioría absoluta na Cámara Baixa. O PSOE unha vez máis non apoiou esta iniciativa que contou con 17 votos a favor e 11 abstencións; entre elas a dos socialistas que se escusaron en que a lexislación vixente non permite unha cesión de titularidade a título gratuíto e negáronse a transaccionar a proposta para incluír que se efectuase a cesión por un prezo módico ou simbólico a favor do Concello como ofrecía o Partido Popular.

O senador encargado de defender esta iniciativa foi o mariñán José Manuel Balseiro que considera incomprensible que a Seguridade Social prefira manter estas instalacións pechadas e deteriorándose que poñelas a disposición dos veciños como reclamou o Pleno municipal o pasado verán.

O parlamentario popular da Mariña lembra que o Goberno intentou sacar a poxa o inmoble, sen éxito, xa que quedou deserta, probablemente polo estado de deterioro deste vello colexio que leva anos sen que o Goberno realice obras de conservación e mantemento.

Para o PP a cesión do uso do antigo colexio que pretende o PSOE é un intento de estafa á veciñanza xa que logo o inmoble pretende poñerse a disposición do concello sen a necesaria rehabilitación e a falta de titularidade tamén bloquea a posibilidade de realizar melloras o de buscar cofinanciamento para as obras.
Este inmoble hoxe en desuso foi demandado pola veciñanza de Viveiro para o que se prevían diferentes usos, desde trasladar alí a Escola Oficial de Idiomas, o que tería permitido ampliar a residencia de Aspanane, ata diferentes usos para actividades culturais ou asociativas, pero todos os proxectos atopáronse coa negativa do Executivo socialista.

Finalmente Balseiro reprochou que a senadora do BNG nin tan sequera participou no debate e votación desta iniciativa, aínda que tiña oportunidade de facelo.