Samos, 15 de decembro de 2025. O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, denuncia a “crítica e insostible situación de abandono” á que o goberno local, liderado polo BNG e a súa alcaldesa, María Xesús López, segue a someter aos usuarios das vivendas comunitarias de competencia municipal.
O portavoz popular advirte que “a situación é dunha gravidade extrema” toda vez que “os residentes están a sufrir agora no inverno a falta de calefacción, obrigando aos seus propios familiares a ter que achegar mantas dende as súas casas para que non pasen frío, pois os propios usuarios alegan que nas habitacións non hai quen pare polas noites”.
“O abandono e a falta de mantemento evidénciase tamén na avaría da secadora” que “está xerando unha situación esperpéntica e lamentable”; xa que “nos trasladan que o propio concelleiro de Cultura é quen vai recoller as baldetas con roupa húmida e levalas a secar a Sarria”.
Estes problemas de servizo prodúcense no mesmo momento no que o Concello tivo a “desfachatez” de aplicar unha suba inxustificada de 250€ na cota mensual que pagan os residentes. “Mentres lles baleiran os petos, recórtanlles a calidade de vida; xa que “as denuncias por recortes na comida son constantes”, expón o popular ao mesmo tempo que asegura que “non é normal que os nosos maiores teñan que verse na obriga de ir eles mesmos ao supermercado ou a restaurantes próximos para poder comer dignamente”.
Gallego cre que “a alcaldesa nacionalista, María Xesús López, mostra unha hipocrisía intolerable: por unha banda, reclámalle constantemente á Xunta de Galicia máis financiamento para servizos sociais; mentres que, por outra, ten as competencias directas que xestiona o seu goberno local abandonadas completamente e que nos nega constantemente nos plenos, namentres vemos a auténtica realidade”.
“Chámanos a atención que sempre teñen cartos para gastar en cousas innecesarias que teñen como única función saír na foto e facer que fan; pero que non invistan en nada que repercuta no benestar do pobo, tal como estamos a ver nas vivendas comunitarias”, conclúen.