Lugo, 13 de decembro de 2025. A presidenta provincial do Partido Popular de Lugo, Elena Candia, compareceu hoxe en rolda de prensa acompañada polo secretario xeral provincial do PP, Javier Nodal, e polo voceiro do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, para denunciar a gravidade da situación política e institucional que se está a vivir na provincia de Lugo a raíz do caso de presunto acoso sexual que afecta ao PSOE, e para esixir ao BNG que abandone a ambigüidade e se posicione con claridade ao lado das vítimas.
Candia comezou a súa intervención trasladando unha mensaxe clara de apoio ás presuntas vítimas, ás que cualificou como “as principais prexudicadas de todo isto”. “A miña primeira mensaxe é de apoio ás presuntas vítimas e de repulsa a este tipo de condutas que, sexan ou non constitutivas de delito, son absolutamente inaceptables. Fágoo como lucense, pero sobre todo como muller”, subliñou.
A presidenta provincial do PP insistiu en que non existe ningunha novidade real, xa que José Tomé segue mantendo as actas na Deputación e no Concello de Lugo. “Hoxe, despois de todo o coñecido, José Tomé segue enrocado na súa decisión persoal, cando os lucenses e os monfortinos lle están pedindo claramente que dea un paso atrás”, indicou.
Candia foi contundente ao respecto: “As institucións non poden estar ao servizo de quen se aferra ao cargo, nin poden quedar debilitadas por unha situación que non se resolve. Non chega con abandonar a presidencia da Deputación mantendo o poder desde a sombra. Iso non é asumir responsabilidades, é prolongar o problema”.
O PAPEL DETERMINANTE DO BNG
Elena Candia situou o foco así mesmo no BNG, ao que cualificou como actor determinante da situación actual. “Hai alguén que é determinante nesta situación e ese é o BNG. Ten que ser claro e deixar de branquear o que está a acontecer”, afirmou.
“Non valen as medias tintas nin os silencios incómodos. O BNG segue no goberno, enfadándose un pouco fóra, pero demostrando a súa incoherencia e a súa falta de contundencia na defensa de algo tan importante como a defensa das mulleres”, engadiu.
CONTRADICIÓNS E SILENCIO DO PSOE
A presidenta provincial denunciou tamén a falta de explicacións do PSOE e as súas contradicións internas: “O PSOE segue sen dar explicacións. Besteiro recoñeceu que era coñecedor do caso, e iso é clave. Lara Méndez, Pilar García Porto e a dirección socialista seguen sen aclarar que sabían, que fixeron e por que calaron”, sinalou.
“Estamos ante un episodio de contradicións e incoherencias permanente. O silencio non é neutral. O silencio tamén debilita as institucións”, advertiu.
FALSO FEMINISMO DE PSOE E BNG
Candia denunciou o falso feminismo do PSOE e do BNG: “O caso de Tomé deixa en evidencia un feminismo de escaparate no PSOE. Non se pode falar de defensa das mulleres mentres se recoñece que se coñecían denuncias e non se fixo nada durante meses. O feminismo non é un pin nunha efeméride. É actuar cando toca, aínda que doa”.
A popular engadiu que o BNG debe demostrar coherencia coas súas palabras a través de accións concretas e non limitarse a discursos: “Non caben silencios nin medias tintas. Ten que demostrar que defende os dereitos das mulleres e a transparencia”.
DEPUTACIÓN DE LUGO
A presidenta provincial tamén criticou a situación vivida na Deputación:
“O comportamento do bipartito onte foi bochornosa e ofrece unha mala imaxe da institución e da provincia. Tomé anuncia dimisión, pero preside a Xunta de Goberno con membros do PSOE, mentres o BNG se ausenta sen adoptar medidas. ¿Que goberno vai a ter a Deputación de Lugo? ¿O BNG vai formar parte dun goberno provincial cunha deputada supostamente coñecedora dos casos de acoso e apoiado por Tomé?”.
Candia destacou a necesidades de responsabilidade institucional: “O silencio non é neutral. Tamén debilita as institucións. Cando se debilitan as institucións, perde Lugo. E iso non o podemos permitir”, engadiu.
SILENCIOS NO ÁMBITO MUNICIPAL
Candia criticou tamén o silencio no Concello de Lugo. “Non podemos ignorar o silencio do alcalde de Lugo, Miguel Fernández, que é tamén deputado provincial e que asistiu onte a un órgano presidido por Tomé”, explicou.
“Ese silencio é unha forma de posicionarse, e os veciños teñen dereito a saber cal é a súa postura ante unha crise que afecta directamente á Deputación de Lugo”, afirmou.