Partido Popular de Lugo

O PP insta ao goberno provincial a recuperar o proxecto do acceso ao polígono industrial de Cuíña, en Cervo, paralizado por PSOE e BNG dende o 2007

O PP insta ao goberno de PSOE e BNG na Deputación de Lugo a recuperar o proxecto para o acceso ao polígono industrial de Cuíña (Cervo) dende a N-642 paralizado dende o 2007. E “para coñecer os detalles de todo o procedemento iniciado no 2002 e os motivos polos que o goberno de PSOE e BNG deixou a obra a medias”, piden formalmente acceso ao expediente completo da Deputación de Lugo.

“O polígono industrial de Cuíña concentra importante actividade industrial e empresarial no municipio polo que é fundamental para o seu desenvolvemento económico”, segundo explica o portavoz, Antonio Ameijide, tras unha visita a esta área industrial xunto a representantes do goberno local encabezados pola alcaldesa, Dolores García.

A Deputación de Lugo desenvolveu obras para dotar a este parque empresarial dun acceso directo dende a N-642, pero “no 2008 o goberno provincial de PSOE e BNG resolve o contrato sen rematar a execución das obras”.

Así, os deputados populares pedirán coñecer a documentación completa en relación con este proxecto que “quedou a medias privando ao polígono dun acceso máis práctico e directo durante anos e, ademais, facendo que as inmediacións a esta área empresarial conte cun elemento sen rematar restándolle valor e creando mala imaxe”.

Os populares convidan ao goberno de PSOE e BNG a “cumprir cos veciños e veciñas de Cervo” rematando un proxecto positivo para o desenvolvemento empresarial e económico do municipio.

DIFERENTE POLÍTICA INDUSTRIAL

O portavoz provincial do PP, Antonio Ameijide, subliña a “aposta do goberno local por captar empresas e facilitar investimentos no concello”. De feito, recentemente o Concello de Cervo aprobou os seus orzamentos municipais para o 2026 que recollen unha bonificación do 50% do ICIO “para favorecer a construción, implantación e ampliación de empresas do polígono industrial. Mentres, outras administracións o único que fan é boicotear”.

Nese sentido, o popular asegura que “a política industrial que practican PSOE e BNG xa sabemos que é a de brazos caídos. Pero é que, ademais de non mover un papel para desenvolver solo industrial en concellos onde o tiñan comprometido,  tamén poñen paus nas rodas para a mellora das características dos polígonos industriais que xa están creados e que teñen unha importante actividade”.

Ameijide incide en que “non se pode entender que o goberno provincial free o desenvolvemento da provincia e, neste caso, que teña bloqueado o acceso ao polígono de Cuíña”.