Lugo, 5 de decembro de 2025. Os senadores do PP lucense -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- cren que “Lugo queda fóra das cercanías ferroviarias” toda vez que “o Goberno de Sánchez evita confirmar”, en resposta a preguntas oficiais dos populares, se Lugo está incluído no estudo de análise para a súa implantación en Galicia.
Os senadores populares amosan o seu escepticismo sobre as intencións do Goberno de Sánchez á vista de que “xa deixou a Lugo descolgada da alta velocidade e, incluso, restoulle servizos coa nova política de horarios e servizos implantada por Renfe que impiden facer xestións no propio día porque o primeiro tren dende Lugo non chega a Madrid en horario de mañá”.
Tendo en conta que na resposta oficial o Goberno explica que se identificarán “as relacións ferroviarias con maior potencial de crecemento en Galicia” e que as infraestruturas da provincia non están modernizadas e as comunicacións son cada vez menos, “as perspectivas non son moi alentadoras para Lugo”, engaden.
Os senadores lucenses interesáranse dende a Cámara Alta por coñecer se o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible incluíu a Lugo no estudo de análise de novos servizos ferroviarios para a mobilidade cotiá en Galicia en relación ao desenvolvemento de servizos de cercanías; toda vez que o Ministro Puente non concretara no seu anuncio ningún tipo de servizo para os lucenses.
Os populares pedían formalmente información por escrito sobre as conclusións do estudo, no caso de ter incluído a Lugo; así como unha data e as características do servizo previsto ou, en caso contrario, coñecer as razóns que motiven a exclusión dos lucenses deste tipo de proxectos.
Os senadores xa teñen manifestado en diversas ocasións a preocupación do PP lucense pola “falta de compromiso do Goberno de Sánchez coas infraestruturas e servizos ferroviarias da nosa provincia” á vista de que “Lugo conta cunha das peores conexións ferroviarias de España”.
Os populares recordan que “o Goberno de Sánchez anulou as variantes previstas por Rajoy condenando a Lugo a ser a única provincia sen AVE”. Ademais, perdeu os servizos co País Vasco, o tren-hotel a Barcelona, non recuperou as frecuencias eliminadas durante a pandemia e a capital da provincia queda fóra do Corredor Atlántico de Mercadorías.