Xoves, 4 de decembro de 2025. O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide esixe ao goberno provincial de PSOE e BNG “axilidade” á hora de convocar, tramitar e resolver as axudas a entidades culturais á vista da “tardanza” en resolver as subvencións de concorrencia competitiva: “dende a súa convocatoria para a anualidade 2025 á resolución pasaron máis de 8 meses”.
Ameijide advirte que “a forma de xestionar a área de Cultura por parte do BNG xera un elevado número de renuncias por parte das asociacións e perdas do dereito a cobro”. Polo tanto, os populares cren necesario “revisar as bases da convocatoria de axudas” para establecer uns requisitos que favorezan ás entidades como, por exemplo, contar cun prazo máis amplo para dispoñer dos fondos, fundamentais para desenvolver as súas actividades”.
O portavoz popular subliña que “este atraso é unha tendencia habitual do goberno provincial” e “provoca, ademais, que en moitas ocasións as entidades beneficiarias teñan que renunciar á axuda ao non poder cumprir prazos e compromisos”.
Resolvendo a finais de novembro e cun prazo de execución que remata a 31 de decembro, os colectivos só dispoñen de menos dun mes para xustificar as axudas. Isto supón que “moitas asociacións non poidan organizar determinadas actividades porque non dispoñen da certeza de contar con ese apoio económico ou teñen que adiantar o diñeiro”.
Ameijide reclama ao BNG e á deputada de Cultura “que traballe máis e se preocupe menos de intimidar funcionarios da súa área e de que instalacións visitan os deputados do PP”.
“Se queren apoiar ao tecido cultural da provincia, ese non é o camiño. Non se lles pode poñer condicionantes ás entidades que serven de dinamizadoras sociais, especialmente no rural. A Deputación de Lugo ten que ser motor da provincia e, caso de apoio ao tecido cultural, tamén”, conclúe.