Partido Popular de Lugo

O PP alerta do forte incremento da criminalidade na provincia e a cidade de Lugo mentres o Goberno de Sánchez só se preocupa de protexer a delincuentes

Lugo, 3 de decembro de 2025. O PP da provincia de Lugo amosouse moi preocupado pola evolución dos datos de criminalidade, tanto na provincia como no municipio de Lugo, segundo os últimos datos correspondentes ao período xaneiro–setembro dos anos 2018 a 2025.

O deputado no Congreso, Francisco Conde, alerta do incremento da criminalidade na provincia de Lugo. “Basta con analizar a evolución dos datos de criminalidade para comprobar como de 2018 a 2025 hai un aumento de 1.873 delitos máis na provincia”, sinalou.

Os datos evidencian que hai unha diminución na seguridade dos lucenses xa que a criminalidade aumentou nun 34,9% na provincia entre 2018 e 2025. Destaca especialmente o incremento dos delitos contra a liberdade sexual, que se dispararon un 62% nese mesmo período.

No último ano, o aumento da criminalidade na provincia de Lugo, 3,2%, é un 31,25% superior ao rexistrado en Galicia, do 2%. A criminalidade medrou nun 1,4%, mentres que no conxunto de Galicia baixou nun 2,2%.

A cibercriminalidade é o fenómeno de maior crecemento: 1.863 infraccións no último ano, o que xa supón o 25,7% do total provincial.

A CRIMINALIDADE TAMÉN AUMENTA NA CIDADE

Francisco Conde tamén amosou a súa preocupación porque esta tendencia na provincia tamén se reflicte na cidade de Lugo, onde a criminalidade medrou nun 32,4% no período 2018–2025.

As infraccións por cibercriminalidade aumentaron un 24,1% no último ano, pasando de 667 a 828. Os delitos contra a liberdade sexual aumentan nun 66,6% desde 2018, e só no último ano as agresións sexuais con penetración multiplicáronse por catro, pasando de 1 a 4 casos (+300%). Ademais, os homicidios dolosos e asasinatos en grao de tentativa duplicáronse no último ano.

“É especialmente preocupante comprobar como nunha provincia, como a de Lugo, aumentaron os delitos, pero a preocupación é maior ao comprobar como aumentaron especialmente delitos de especial gravidade como os sexuais e os vinculados a contornas dixitais”, denunciou.

A este incremento súmase a grave carencia de medios humanos e materiais que sofren tanto a Policía Nacional como a Garda Civil en Lugo. Por iso, o Goberno de Pedro Sánchez ten a obriga de facer fronte á tendencia á alza da criminalidade aumentando os medios, tanto humanos como técnicos, para manter a seguridade.

O deputado Francisco Conde recorda como dende o Partido Popular “seguimos a defender” a necesidade de incrementar os cadros de persoal, tanto da Policía Nacional como da Garda Civil, así como a modernización dos equipamentos e infraestruturas, entre outras medidas.

“O Goberno de Pedro Sánchez está máis preocupado por favorecer aos delincuentes que aos cidadáns”, denunciou, ao que engade que “mentres Lugo sofre aumentos da criminalidade superiores aos de Galicia, o Executivo estatal prioriza os seus pactos políticos e a xestión dos seus casos de corrupción, en vez de reforzar a seguridade e proporcionar máis medios ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado”.