Tras revisar hai unhas semanas o estado do Museo Provincial, os deputados do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide e Luis Fernández, xunto á voceira do PP en Monforte, Katy Varela e concelleiros populares, revisaron o estado de conservación do Museo Pazo de Tor.
O voceiro popular, Antonio Ameijide, explicou que comprobamos como tamén o Pazo de Tor “atravesa por un momento complicado por mor da falta de mantemento máis básico”.
Na visita que realizaron os representantes do PP comprobaron persoalmente como “o deterioro avanza dentro dun dos espazos culturais máis singulares da provincia, que leva anos sufrindo a deixadez do goberno provincial”, que recibiu este inmoble no ano 1993 trala súa doazón por parte da última herdeira que puxo, entre outras condicións, que o museo se puidese visitar de forma gratuíta.
Antonio Ameijide sinala que no transcurso da visita “observamos humidades en distintas estancias do Pazo o que provocou diversos desconchóns nas paredes e nos teitos” o que evidencia “unha ausencia de preocupación e do mantemento más básico por parte da Deputación”.
O voceiro popular explica que o Pazo de Tor “é un ben patrimonial de primeiro nivel, polo que debería de ser coidado con regularidade, algo que non se está a producir polo que presenta un aspecto impropio da súa importancia histórica e cultural”.
O portavoz popular reclamou ao goberno provincial — especialmente ao BNG como responsable da área de Cultura — “un compromiso real co Pazo de Tor, porque a situación actual non só prexudica a imaxe do propio museo, senón tamén a de toda a provincia porque a imaxe que levan os turistas que o visitan é de abandono a pesar da importancia histórica que ten”.
RECLAMACIÓN DUN PLAN DE MANTEMENTO
Dende o Grupo Provincial Popular segue a reclamarse que se poña en marcha un plan de mantemento periódico para toda a rede museística provincial, que inclúa reparacións estruturais, control de humidades, renovación de elementos deteriorados e unha supervisión técnica continuada que evite que os edificios que albergan os museos sigan degradándose.
“A situación non se resolve cunha man de pintura: o que fai falta é planificación, seriedade e un coidado constante do patrimonio público”, sentenciou.