A voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, reitera as numerosas queixas dos veciños polo “nefasto” estado de conservación das pistas e camiños municipais, situación que está a provocar numerosos inconvenientes, como picadas nas rodas: “a veciñanza de Pol está cansa de ter que sufrir a diario o mal estado” das pistas e camiños municipais, mentres ven como os poucos recursos económicos que ten ou que chegan ao Concello se destinan a outras fins moito menos prioritarios”.
Nicole Grueira pon como exemplo o estado das pistas da parroquia de Caraño. A popular explica que “eu, como moitos veciños, volvín a picar unha roda do coche que, ademais do inconveniente que supón, temos que asumir o custo do mal estado das pistas nos nosos vehículos polo total desinterese do alcalde no mantemento das vías de comunicación municipais”.
A realidade é que as pistas de Pol seguen “nun estado lamentable, inseguro e totalmente desastroso” mentres “Lino Rodríguez mira a outro lado “destinando os recursos económicos do Concello ao único que lle preocupa: o fútbol”.
Nicole Grueira afirma que “os veciños non podemos agardar máis, o alcalde ten que poñerse as pilas e comezar a destinar recursos ao arranxo das pistas, igual que fai con outras cousas que considera prioritarias e na realidade non o son”.
RECLAMACIÓNS NO PLENO
Nicole Grueira recorda que o alcalde non pode alegar descoñecemento da situación porque “ademais das reclamacións que lle realizan os propios veciños e que el mesmo tamén circula polas pistas e camiños”, dende o Grupo Municipal Popular realizamos varias reclamacións no pleno neste senso, “peticións que sempre desoíu”.
A primeira das reclamacións realizouse en outubro de 2023 e a segunda en abril deste ano, mocións nas que se instaba ao alcalde a iniciar de inmediato o desbroce e limpeza da maleza das pistas municipais, así como realizar os traballos de arranxo e pavimentación dos camiños municipais.
“Peticións que caeron en saco roto xa que o alcalde negouse a apoialas e, polo tanto, a poñelas en marcha a pesar das numerosas queixas dos veciños e de que os camiños municipais están totalmente deteriorados, sen asfaltar, sen desbrozar, sen unha correcta sinalización e a separación dos carrís xa nin existe”, lamentou.