Os concelleiros do PP de Monforte amosaron a súa decepción ao comprobar “o conformismo” de José Tomé coas conexións ferroviarias actuais da cidade, “negándose” a reclamar ao Ministerio de Transportes aumentar as conexións con Ourense, Madrid e Barcelona, así como recuperar as frecuencias suprimidas pola covid.
A voceira popular, Katy Varela, lamenta a negativa de José Tomé xa que “contar con máis conexións con Ourense supón aumentar o acceso de todos os monfortinos á alta velocidade ferroviaria”. Neste senso, Varela recorda como “foi o goberno de Pedro Sánchez o que retirou 1.100M€ para construír as variantes de Os Peares – Canabal e a de Rubián, “imprescindibles para que a provincial de Lugo conte con alta velocidade”.
A voceira popular tamén afea a José Tomé “que sacase peito” dos investimentos que se están a realizar na liña ferroviaria, incidindo en que “o goberno de Mariano Rajoy deixou orzamentados máis de 1.600M€ para mellorar a liña e que a chegada da alta velocidade fóra unha realidade” pero “o Goberno do PSOE en Madrid minimizou ese investimento ata pouco máis de 500M€”.
Pola súa banda, o concelleiro popular José Luis Rodríguez afea que José Tomé presumise no pleno de que “el xunto a Isabel Pardo de Vera captaron fondos para os traballos de renovación da liña”, ademais de mentir neste eido.
“En primeiro lugar, os fondos xa estaban consignados polo Goberno de Mariano Rajoy, o que fixo o PSOE foi quitarnos a toda a provincia máis de 1.100M€. E, en segundo lugar, a min daríame vergonza presumir de conseguir algo xunto a unha persoa que está investigada pola presunta comisión de varios delitos, motivo polo que o xulgado lle retirou o pasaporte a Isabel Pardo de Vera”, sentenciou.
ATRASOS IMPORTANTES NAS OBRAS DA ESTACIÓN
Ademais, os concelleiros populares critican a José Tomé “o seu desinterese” porque se axilicen as obras que se están a realizar na estación de tren que “están a acumular importantes atrasos na súa execución”. “Cada día queda máis claro que José Tomé unicamente traballa polo seu lucimento persoal porque se de verdade traballase polos monfortinos sería o primeiro en reclamar a Adif o remate das obras da estación, en lugar de poñerse de perfil e mirar cara outro lado”, sinalou, ao que engadiu que “cada día queda máis claro que cada día que pasa é un día menos do seu goberno, ao que se lle está a esgotar o tempo”.