Partido Popular de Lugo

PSOE e BNG xa pagaron a sanción de 60.000€ polo abandono e os danos ocasionados á Casa da Botica que segue acumulando retrasos na obra da CAM

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, confirmou que PSOE e BNG veñen de pagar unha multa de case 60.000€ en relación ás obras que se están executando na Casa da Botica, en Guitiriz, para reconvertela en centro de atención a maiores por non executar os traballos conforme aos permisos concedidos e á lei.

Así o confirmou Antonio Ameijide ao voceiro do PP en Guitiriz, José Manuel Rodríguez, e aos concelleiros populares nese municipio.

Esta contía vén derivada de dúas sancións, unha de 53.000€ e outra de 6.001€, polo derrubamento da Casa da Botica (Guitiriz) en 2021, sancións que foron ratificadas polo xulgado contencioso-administrativo número 1 de Lugo.

Antonio Ameijide afirma que “PSOE e BNG tiveron que facer fronte a estas sancións por facer directamente o que lles deu a gana” xa que na execución das obras na Casa da Botica “incumpriron as directrices marcadas no proxecto presentado e as indicacións realizadas por Patrimonio”.

“José Tomé, o PSOE e o BNG seguen a crer que están por enriba da lei e sempre buscan a forma de sortear a legalidade sen asumir as consecuencias das súas decisións”, criticou.

Ademais, Ameijide lamenta que a residencia de Guitiriz “segue a acumular atrasos, mentres os membros do Partido Socialista seguen a pelexarse entre si”, o que provoca que non se realicen avances na construción deste centro de atención a maiores.

ANTECEDENTES

Os feitos sancionados derívanse do incumprimento do deber de conservación e que se orixinan por “executar sen respectar o condicionado establecido no informe respecto das actuacións de emerxencia emitido no seu día pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural”.

A sanción é do 11 xaneiro de 2024 “e dende esa data, tanto PSOE como BNG buscaron enredar para non pagar”.

A sanción está motivada no incumprimento dos artigos:

  • 130.a “danos irreparables en bens de intereses cultural ou catalogado e incumprimento do deber de conservación previsto no artigo 32”
  • 130.d “a realización de calquera intervención nun ben declarado de interese cultural ou catalogado ou no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento sen autorización previa da consellería”

“Seguramente non teríamos que falar do pago destas sancións á Deputación de Lugo se PSOE e BNG cumprisen a tempo o seu compromiso de construír un centro de atención a maiores en Guitiriz, ademais de cumprir a lexislación no referente ao derrubamento da Casa da Botica, espazo que debe de albergar a futura residencia”, sentenciou.

A construción da residencia de Guitiriz foi adxudicada en xaneiro de 2023 e máis de dous anos despois continúa aínda en construción.

Uns atrasos nas obras que se recoñeceron dende o propio goberno provincial que en outubro do ano pasado aprobou unha prórroga de nove meses para a execución destas obras, atrasando a posta en servizo deste centro de atención a maiores, polo menos, ata xullo do 2025.