Martes, 29 de xullo de 2025. O goberno de PSOE e BNG que preside José Tomé certifica a “desigualdade” de trato a Becerreá e a súa comarca ao aprobar a memoria sobre o modelo de xestión e funcionamento da residencia provincial que supón que “os usuarios terán que pagar un 60% máis que no resto de centros de atención a maiores da Deputación de Lugo noutros concellos da provincia polo mesmo servizo”.
O portavoz popular, Antonio Ameijide, retou ao goberno provincial a “comprometerse no Pleno a garantir que os usuarios de Becerreá van pagar exactamente o mesmo que nas outras 9 da Deputación de Lugo polos mesmos servizos. Votaríamos encantados que si”, pero ante o seu rexeitamento “non podemos votar a favor porque sería votar para que unha parte dos veciños da provincia recibise un trato diferente, discriminatorio. Non podemos permitir veciños de primeira e veciños de segunda”, sentencia.
Esta mesma proposta fora rexeitada no Pleno de xuño debido á ausencia de tres deputados socialistas do goberno provincial – Iván Castro, Marisol Morandeira e José María Arias- aos que apelou o portavoz popular, Antonio Ameijide, por “non terse pronunciado aínda”.
O popular pregútalles “se consideran xusto” o que propón o señor Tomé: que os usuarios da residencia de Becerreá teñan que pagar 810 euros máis ao mes por unha praza -preto de 10.000 euros máis ao ano- que ao resto de veciños da provincia polos mesmos servizos noutras situadas a uns quilómetros como a de Pedrafita ou a de Navia de Suarna.
“Fai un mes demostraron valentía ao defender a igualdade interna dentro do seu partido” polo que os convida a “defender tamén esa igualdade para os 67 concellos da provincia”. De feito, sostén que “dende o Grupo Popular levamos tempo pedindo que haxa igualdade entre os veciños da provincia”. Neste caso, “pedimos que a praza custe o mesmo en Becerreá que nas outras residencias da rede provincial”.
Ameiijde afeou ao BNG que “o único que sabe facer é unha política de servilismo con tal de seguir na mesma moqueta e no mesmo goberno do señor Tomé: pagar as fantas do que ofrece Tomé”. Os nacionalistas “din que están en contra da privatización, pero prefiren entregar o edificio construído con fondos de tódolos lucenses a un empresario a cambio dun canon 0 para que gañe en torno aos 400.000 euros ao ano”, segundo recolle a propia memoria económica do centro.
“A realidade é que se investiron máis de 5M€ de euros de fondos provinciais e, despois de preto de 4 anos, 2.666 firmas reclamando a súa apertura, a residencia a día de hoxe segue pechada”. E, polo tanto, 140 familias da comarca non se están beneficiando da residencia nin 100 persoas que previsiblemente poderían estar traballando alí dispoñen dese emprego. “Levan anos enganando aos veciños e veciñas dicindo que a ían abrir, pero estiveron tres anos mirando para o aire. Non arrancaron ata que foron presionados polos veciños e, cando o fixeron, foi con piruetas políticas para seguir dilatando a apertura”, indicou durante a súa intervención.
Antonio Ameijide subliñou que “Becerreá e a comarca sofren as frustracións persoais de socialistas e nacionalistas e o capricho político de PSOE e BNG. Polo seu afán de ir en contra dunha persoa en concreto, cargan contra toda unha comarca”.