Sarria, 29 de xullo de 2025. O Grupo Municipal Popular de Sarria vén de presentar unha moción para o seu debate no Pleno municipal do xoves na que insta á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a buscar solucións técnicas que permitan compatibilizar a posta en valor da Ponte Ribeira co mantemento do tránsito rodado.
A proposta chega tras coñecerse que o proxecto proposto pola Confederación supón a súa peonalización total, impedindo o paso de vehículos; “non só pola ponte senón tamén pola súa contorna inmediata, sen que se ofrezan alternativas para non deixar a zona cortada”.
Desde o PP alertan de que “esta actuación supón un serio prexuízo para a veciñanza e os negocios da zona, ademais do impacto que vai xerar no tráfico doutras rúas do municipio que se verán moi afectadas por este cambio, especialmente en época escolar, como xa se comprobou durante o tempo que estivo cortado antes da colocación da pasarela provisional actual”.
Os populares consideran que o corte, esta vez definitivo, suporía “un retroceso” na vertebración e mobilidade da vila: “eliminar esta conexión estratéxica sen estudar alternativas nin informar á cidadanía sería un erro”, apuntan.
Entre os principais riscos que sinalan están a perda dunha vía de comunicación clave en caso de emerxencias, o illamento de zonas con potencial turístico e cultural, e o impacto no día a día das persoas residentes. Ademais, critican que o proceso carecese dunha mínima participación cidadá, xa que “moitos veciños descoñecían que o proxecto prevía a supresión total do uso rodado”.
A moción solicita tamén que o Concello de Sarria promova un proceso participativo e informativo real antes de dar o visto e prace a calquera intervención que implique cambios substanciais no uso e configuración actual da zona.
Os populares conclúen que a mobilidade urbana debe basearse no equilibrio entre a conservación e a funcionalidade, “apostando por solucións que poidan garantir a protección do noso patrimonio sen renunciar ás necesidades da veciñanza”.