Martes, 29 de xullo de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular acusan a José Tomé e Miguel Fernández de seguir a impulsar o desenvolvemento urbanístico do entorno do Paseo do Rato, en Paradai, tras votar en contra da moción na que se instaba á Deputación e Concello de Lugo a desistir do plan urbanístico do Polígono C e do Sector S13R.
O voceiro popular, Antonio Ameijide, explica que tanto a Deputación como o Concello de Lugo teñen a maioría nas xuntas de compensación de ambos polígonos (Deputación 100% no sector S13R e 64,9% no Polígono C entre a Deputación de Lugo, o Concello de Lugo e ADIF) polo que “unicamente teñen que desistir de impulsar o desenvolvemento urbanístico de ambos polígonos nas xuntas de compensación”.
No Sector S13R a solución é sinxela. O adxudicatario dos terreos, logo de 18 anos, solicitou á Deputación a devolución dos 900.000€ pagados no seu momento, polo que “se o goberno provincial devolve a cantidade xa pagada, a titularidade dos terreos volverá á Deputación de Lugo” de forma que “se pode garantir así que esa zona do entorno do Paseo do Rato seguirá como zona verde”.
No referente ao Polígono C, no que Deputación e Concello de Lugo, xunto a ADIF, teñen a maioría na xunta de compensación “soamente teñen que votar por desistir da urbanización deste polígono”.
PLAN DE DESENVOLVEMENTO URBANÍSTICO
Antonio Ameijide recorda que se tivo que solicitar ata en tres ocasións o acceso ao plan parcial para desenvolver urbanisticamente a zona e que “nos entregaron onte ás 14:30 horas, sen tempo material para poder analizalo antes do pleno”.
O documento que se entregou nas oficinas do Grupo Provincial Popular consta de máis de 300 páxinas pero “si que tivemos tempo para comprobar nos planos que proxectan edificar 7 torres e 585 vivendas no entorno do Paseo do Rato”.
Dende o Grupo Provincial Popular insisten en que “José Tomé e Miguel Fernández teñen a sartén polo mango e que se eles queren poden paralizar hoxe mesmo o desenvolvemento urbanístico do entorno do Rato”.
Neste senso, lamentan que “mentres aos veciños lles din que non queren que se levanten edificios nos terreos que actualmente ocupan zonas verdes, á hora da verdade, nos plenos e nas reunións das xuntas de goberno e das xuntas de compensación o que fan é impulsar a construción de edificios no Paseo do Rato”.