Partido Popular de Lugo

O PP esixe ao Goberno de Sánchez dende o Congreso “solucionar as causas que motivan os constantes incidentes” na liña Lugo-Ourense

Lugo, 24 de xullo de 2025. Os deputados do PP lucense – Jaime De Olano, Francisco Conde e Cristina Abades- esixen explicacións ao Goberno de Sánchez sobre os constantes incidentes na liña ferroviaria Lugo-Ourense que evidencian “o agravio á nosa provincia en materia de comunicacións”. Nese sentido, veñen de dirixir unha batería de preguntas ao Executivo estatal.

Para os representantes populares no Congreso estas deficiencias “non son admisibles” e, polo tanto, esixen “solucionar as causas que motivan os habituais incidentes” que “dificultan a mobilidade dos lucenses e lastran o desenvolvemento e a competitividade da provincia”.

Os populares advirten que “por desgraza, o extraordinario é que o servizo se produza sen ningún sobresalto”. Xa sexan atrasos, supresión de servizos, utilización de medios alternativos coma o autobús ou o taxi… son circunstancias habituais para os lucenses e os visitantes da provincia. Nalgunhas localidades de interese turístico o número de usuarios increméntase no verán. É o caso de Sarria a onde chegan moitos peregrinos para comezar o Camiño Francés.

Un dos últimos incidentes foi a supresión do servizo entre Lugo e Ourense na tarde do pasado domingo que afectou precisamente á estación de Sarria. “Estaba prevista parada en Sarria, pero non realizou o traxecto deixando aos usuarios abandonados e, o que é peor, sen ningún tipo de información nin por parte de Renfe nin por parte de Adif que deberían ofrecer desculpas aos usuarios e ofrecer algún tipo de compensación aos afectados”.

Os deputados populares piden explicacións sobre as causas que motivaron a supresión do servizo que debería unir Lugo con Ourense na tarde do pasado domingo. Así mesmo, agardan resposta do Goberno de Sánchez pola falta de información aos usuarios abandonados na estación de Sarria e queren saber se puxo a disposición algún medio alternativo para trasladarse a Ourense e cantos usuarios o empregaron.

RATIO INCIDENCIAS/SERVIZOS

Tamén requiren resposta oficial sobre o número de incidencias no tramo Lugo-Ourense no último ano, a ratio incidencias/servizos e se existe outro tramo en España con igual ou maior número de incidencias en relación ao número de servizos.