Mércores, 23 de xullo de 2025. O voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, mantivo unha xuntanza de traballo coa voceira do PP en Ribas de Sil, Sandra Macía, e concelleiros para analizar a situación tanto da residencia como do centro de día provincial, que PSOE e BNG na Deputación manteñen pechado dende 2023.
Antonio Ameijide explica que este centro de día conta con 11 prazas que “PSOE e BNG non queren poñer en servizo” impedindo así a conciliación doutras tantas familias.
Unha situación que se repite ao longo da provincia, onde PSOE e BNG seguen a negar a atención prometida aos veciños da provincia ”porque non só están a negar a posta en servizo destas 11 prazas do centro de día de Ribas de Sil, “senón que negan este servizo en toda a provincia ao non querer poñer en servizo as 153 prazas de atención a maiores nos oito centros de día provinciais (Trabada, Castroverde, A Fonsagrada, Pol, Ribas de Sil, Navia de Suarna, Meira e Pedrafita do Cebreiro) que están pechados desde 2019”.
Antonio Ameijide afirma que dende o goberno provincial deberían ter posto en funcionamento os centros de día ao mesmo tempo que as residencias. “Como se negaron a poñer en servizo este servizo comprometido xunto ás residencias están a incumprir a palabra dada e o asinado, provocando un prexuízo a toda a provincia”.
Neste senso, o voceiro popular recorda que a posta en marcha dos centros de día provinciais non terían un custo excesivo para as arcas provinciais xa que moitos dos servizos serían compartidos coas residencias polo que habería gastos fixos, como a calefacción, a luz ou o funcionamento “serían practicamente os mesmos, como sucedería co persoal, o que demostra que non se trata dun problema económico, senón dunha falta total de vontade política de PSOE e BNG”.
Pola súa banda, a voceira do PP en Ribas de Sil, Sandra Macía, reclama a posta en marcha deste servizo “xa que é fundamental no municipio” ademais de recordar que “tanto PSOE como BNG dende a Deputación deberían de preocuparse por garantir que o subministro eléctrico no edificio se mantén estable todo o día”.
Sandra Macía fai referencia aos numerosos cortes de luz no servizo polo que insta a José Tomé a estudar a instalación dun sistema eléctrico de emerxencia para garantir o subministro cando se producen apagóns.