Os senadores do PP por Lugo -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- lamentan que o Goberno do Estado siga sen aclarar “cando van a recuperar” a bonificación do 100% das baixas por maternidade.
Os senadores lucenses presentaron unha pregunta para coñecer cando ten previsto recuperar a totalidade desta axuda nas baixas de maternidade, tengo por resposta que “a nova regulación tivo en conta, entre os seus obxectivos, simplificar os incentivos e homoxeneizar as súas contías, así como os requisitos das empresas beneficiarias, establecéndose ao mesmo tempo un tronco común de disposicións xerais aplicables a todas as medidas incentivadas”.
Neste senso, os senadores do PP de Lugo recordan que as bonificacións dos seguros sociais relacionadas cos períodos de baixa por maternidade, paternidade ou acollemento sufriron modificacións substanciais con repercusións directas nos custos das empresas e dos autónomos que contan con traballadores nestas circunstancias.
Con anterioridade, cando un empregado se atopaba de baixa por maternidade ou paternidade e realizábase un contrato de interinidade para cubrir a súa ausencia, os seguros sociais do empregado substituído estaban completamente bonificados, ao 100%, durante o período de baixa.
Pero desde setembro de 2023, desaparece esta bonificación, sendo substituída por unha cantidade fixa de 366€ sobre a cotización do empregado en situación de baixa, circunstancias nas que sas empresas se ven prexudicadas con esta nova normativa, xa que se debe abonar a diferenza entre a contía real dos seguros sociais e os 366€ da bonificación.
Por este motivo, os senadores presentarán unha iniciativa para o seu debate xa que “as decisións do Goberno de Sánchez van en contra de todo o que defende ser”. “Estamos ante un Goberno do Estado que se di progresista, que di defender a natalidade e a conciliación, pero que á hora da verdade toma decisións no sentido contrario”.
CIFRAS
A base media de cotización para unha muller de entre 30 e 34 anos (a idade de maternidade máis frecuente) é de 1.974€ dos cales 700€ se corresponden á cotización. Coa bonificación de 366€, só se cubriría un 52%.
Ata o 2023 a empresa ou autónomo estaba exento do pago da cota. É dicir, o único custo que tiña que asumir era o salario da persoa con contrato de interinidade para cubrir esa baixa.