Os concelleiros do PP de Monforte defenderán o pleno deste mes que José Tomé e o seu equipo de goberno cumpran coas recomendacións emitidas nos informes de intervención incluídos na conta xeral do 2024 para acadar unha correcta xestión dos ingresos e gastos do Concello.
A voceira popular, Katy Varela, explica que tanto no informe de intervención da conta xeral 2024 como no informe de intervención resumo dos resultados do control interno durante o ano 2024 recóllense varios erros que comete habitualmente o equipo de goberno local na xestión económica “e que dende o Grupo Popular xa lles advertimos en numerosas ocasións” como a falta de persoal cualificado; o abuso de reparos, é dicir, pago de facturas sen a correcta contratación previa; o abuso de subvencións nominativas…
Katy Varela afirma que o Concello de Monforte “como calquera outra administración pública sempre debe ser escrupuloso na súa xestión, non só polas irregularidades que se poidan dar, senón tamén porque unha correcta xestión dos ingresos e gastos implica unha mellor distribución dos recursos e menor carga fiscal para os cidadáns”.
No informe xeral sinálase que hai ingresos de taxas que non se realizan de forma correcta e, incluso, algúns carecen da ordenanza correspondente. Por outra banda,
o informe de intervención resumo dos resultados do control interno durante o ano 2024 é máis amplo e nel se recorda a dificultade de realizar o control financeiro pola falta de medios, prorrogando novamente o plan de control financeiro previsto para 2023.
Polo tanto, os concelleiros populares insistirán na necesidade de que o Concello de Monforte dea estabilidade ao persoal de carácter temporal, a necesidade de ter mais persoal no departamento de contratos, así como de realizar un maior seguimento na contratación ou limitar as subvencións nominativas e non competitivas, entre outras.