Partido Popular de Lugo

O PP destaca que “a presión” realizada a PSOE e BNG durante estes meses propiciou que o polígono da Fonsagrada e Augas Mestas “saísen do caixón”

O Grupo Provincial segue a marcar o ritmo de traballo ao goberno provincial de PSOE e BNG tras ver como na xunta de goberno de hoxe deron luz verde á urbanización do polígono industrial de A Fonsagrada e ao equipamento de Augas Mestas, “dúas reivindicacións realizadas polo PP no presente mandato”.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, destaca que “a presión que realizamos todos os compañeiros do Grupo Provincial Popular fixo reaccionar ao goberno de José Tomé que hoxe avanzou en dous temas enquistados na provincia dende hai moitos anos”.

“Seguimos a marcar o ritmo ao goberno provincial que, cando escoita as demandas que realizamos dende o PP deixa a un lado o sectarismo e presta atención a veciños de concellos que tiñan abandonados”, afirmou.

POLÍGONO INDUSTRIAL A FONSAGRADA

Antonio Ameijide recordou a importancia de impulsar esta zona industrial, comprometida dende o ano 2009 cando o expresidente da Deputación José Ramón Gómez Besteiro anunciou o investimento de 2.5M€, dende a extinta Suplusa, para a creación deste polígono industrial, proxecto que comezou en outubro de 2008 cos primeiros trámites por parte da Deputación de Lugo.

Segundo o convenio asinado entre a Deputación de Lugo e o Concello de A Fonsagrada o ente provincial aportará o 90% do financiamento, correspondendo a parte restante ao propio concello. En total, a Deputación aportará 2.431.786,50€, mentres que o Concello de A Fonsagrada achegará 270.198,50€.

Esta zona industrial estará situada na parroquia de O Padrón, na confluencia da estrada LU-530, que chega de Lugo, coa LU-P-1901, que enlaza con Navia de Suarna. Urbanizaranse 34.000 metros cadrados, nos que se habilitarán 15 parcelas e 250 prazas de aparcamento.

EQUIPAMENTO AUGAS MESTAS

O voceiro popular tamén sinala que “tras 18 anos de abandono” PSOE e BNG decatáronse de que a Deputación ten en Augas Mestas, no concello de Quiroga, un complexo turístico punteiro, realizado baixo un goberno do Partido Popular.

Durante case dúas décadas non tiveron intención algunha “por impulsar e poñer en marcha estas instalacións que poderían e deberían de ser un referente turístico na provincia”.

Aínda así, o voceiro provincial sinalou que esta intención “chega moi tarde” xa que cun prazo de execución de dous meses para instalar o equipamento “non hai tempo material para poñelo en marcha este mesmo verán”.

Este área recreativa, construída no ano 1996, tiña como obxectivo dinamizar o turismo na Ribeira Sacra poñendo en servizo un área máis a disposición dos turistas que chegan á provincia, pero dende que o PSOE e o BNG chegaron ao goberno da Deputación “ningunha das dúas formacións tivo interese en poñelo en marcha, como certifica que baixo o seu mandato nunca abriron as súas portas”.