Partido Popular de Lugo

O PP de Pol esixe a Lino Rodríguez que invista as axudas que recibe doutras administracións en arranxar as pistas e camiños municipais en lugar de “meter todo no campo de fútbol”

Pol, 8 de xullo de 2025. A voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, faise eco das numerosas queixas dos veciños “cansos de ter que sufrir a diario o mal estado” das pistas e camiños municipais e insta ao alcalde, Lino Rodríguez, a “atender estas peticións e destinar os fondos que recibe doutras administracións ao mantemento das vías municipais, en lugar de meter todo no campo de fútbol”.

Nicole Grueira pon como exemplo varias pistas da parroquia de Pol, “nun estado de mantemento moi mellorable” e que “precisan dunha renovación urxente do firme, así como do desbroce da maleza que, en moitos puntos, invade a calzada e dificulta o paso”.

Neste senso, a voceira popular en Pol recorda como o alcalde se negou a apoiar, en outubro de 2023 e abril de 2025, mocións defendidas no pleno polos populares na que se instaba ao alcalde a iniciar de inmediato o desbroce e limpeza da maleza das pistas municipais da parroquia de Pol e de todas as demais que se atopasen na mesma situación, así como realizar os traballos oportunos de arranxo e pavimentación dos camiños municipais desta parroquia e de todas aquelas que se atopen na mesma situación.

“Unha petición que caeu en saco roto xa que o alcalde negouse a apoiala e, polo tanto, a poñela en marcha a pesar das numerosas queixas dos veciños a pesar de que os camiños municipais están totalmente deteriorados, sen asfaltar, sen desbrozar, sen unha correcta sinalización e a separación dos carrís xa nin existe”, lamentou.

Nicole Grueira lamenta que “non se trata dunha situación puntual”, senón que é unha tendencia do goberno socialista deste concello. “É evidente que non están a realizar as actuacións necesarias, nin cumprindo coas súas obrigacións para levar a cabo un correcto mantemento das parroquias. É unha mágoa que non sexan capaces de asumir as súas obrigas e haxa que recordarlles cales son as súas competencias e deberes cos veciños e veciñas de Pol, mentres case todos os fondos que reciben doutras administracións se destinan ao campo de fútbol ou á ocorrencia do día do alcalde”, criticou.