Partido Popular de Lugo

O PP insta a PSOE e BNG que aclaren onde pensan edificar no entorno do Rato en Paradai

O goberno de PSOE e BNG na Deputación de Lugo deben de decidir se van a levar adiante o plan parcial que encargaron e xa pagaron (por valor de 12.100€) para desenvolver urbanisticamente o parque do río Rato, en Paradai.

Así o transmitiron a voceira do Grupo Municipal Popular, Elena Candia, como o voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, a unha representación da asociación de veciños de Paradai durante unha xuntanza mantida nos últimos días.

Antonio Ameijide explica que “unha vez encargado e pagado ese documento, corresponde a PSOE e BNG na Deputación de Lugo decidir que queren facer”, xa que “son eles agora os que teñen que dicir a todos os veciños se queren apostar por unha zona verde nese entorno ou, pola contra, permitir a edificación”.

“A solución é moi sinxela, se queren unha zona verde que é o que reclama toda veciñanza deben de coller o plan parcial da zona e gardalo nun caixón”, sentenciou.

Neste senso, Ameijide pide “coherencia” a PSOE e BNG nos gobernos do Concello e da Deputación de Lugo e que “decidan que queren facer con Paradai porque o teñen na súa man”. 

Pola súa banda, a voceira do Grupo Municipal, Elena Candia, pediu “coherencia” a ambas formacións políticas xa que “mentres defenden unha postura no Concello de Lugo, na Deputación toman a contraria” en referencia a que Rubén Arroxo afirmou que non quere máis edificios nesa zona da cidade, mentres PSOE e BNG encargaron dende a Deputación o plan parcial para poder desenvolvela urbanisticamente.

A realidade é que o Partido Popular “sempre estará ao carón dos veciños”, afirmou Candia, que engadiu que “se PSOE e BNG non queren que se constrúa, despois de case dúas décadas enredando con ese barrio, deben buscar a fórmula axeitada para rescindir acordos anteriores e declarar todo zona verde”.

Ambos voceiros coincidiron en que “se hai unha formación que defende o paseo do Rato esa é o Partido Popular, que foi quen creou esta zona verde da cidade dende o goberno da Deputación”, recordando como en 20 anos de gobernos de PSOE e BNG en Concello e Deputación de Lugo “non se avanzou nin un só metro, senón que, ademais, non foron capaces de coidar o que herdaron”.

ENCARGO DO PLAN PARCIAL

José Tomé asinou o pasado 20 de novembro de 2024 un decreto para autorizar o pago de 12.100€ para a contratación da ‘Adaptación dos documentos para aprobación inicial do Plan Parcial S-13R do ano 2018 aos requirimentos municipais e nova lexislación’ o que supón que “o goberno da Deputación, do que forma parte do alcalde de Lugo, Miguel Fernández, está a favor de edificar en Paradai”.

O goberno da Deputación de Lugo realizaba esta contratación despois de que hai 18 anos sacasen á venda uns terreos que, segundo o desenvolvemento urbanístico impulsado polo goberno do PSOE no Concello, son edificables.

Tras un procedemento público ao que se presentaron tres licitadores, adxudicáronse a un promotor cun compromiso de pago de 3M€ en tres prazos: en torno a 1M€ no momento da sinatura do contrato, outro millón cando a tramitación urbanística estivera rematada e o restante cando se adxudicara a parcela de reemprazo. 

A día de hoxe, a Deputación de Lugo non ingresou os 3M€ xa que non cumpriu coas súas obrigas, durante 18 anos, deste xeito o promotor tampouco puido edificar nos terreos, polo que procedeu a reclamar xudicialmente (en 2023) na vía civil unha solución: ou lle devolven o millón de euros xa pagado do primeiro prazo ou ben lle adxudican os terreos (pagando a cantidade restante).