Portomarín, 9 de maio de 2025. Os senadores do PP lucense José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano advirten que “o Goberno de Sánchez non concreta prazos” para a rehabilitación do firme da N-540, que une dúas capitais de provincia (Lugo e Ourense) nas respostas oficiais ás preguntas formuladas polos representantes lucenses na Cámara Alta.
O Goberno de España evita responder cando estarán rematadas as obras nin se o investimento implica a rehabilitación integral ou se queda algún tramo excluído. E ante os máis de 3 anos de prazo para a execución das obras de rexeneración do firme desta estrada -o contrato formalizouse en marzo do 2024-, os senadores subliñan que “non podemos esperar ese tempo porque causa prexuízos tanto en comunicacións e como en avarías de vehículos”. Ademais, “por aquí pasa xente de toda Europa e doutros lugares polo Camiño de Santiago e non podemos dar esta mala imaxe”.
Os representantes do Partido Popular na Cámara Alta comprobaron o mal estado do firme da N-540 na intersección co Alto do Hospital en Portomarín acompañados por alcaldes e portavoces de municipios da zona onde tamén advertiron que “a subdelegada veu con máquinas anunciar que se retomaban as obras, pero as máquinas agora desapareceron”.
O alcalde do municipio, Pablo Rivas, sinalou “a triste realidade da provincia: non temos unha autovía que comunique as cidades de Lugo e Ourense e a única estrada que temos, a N-540, atópase nun deplorable estado: os condutores teñen que intentar esquivar os baches, os nosos veciños e veciñas sofren pinchazos e roturas de lunas nos seus vehículos tódolos días…”. O rexedor considera que “no seu momento púidose crear esta vía de comunicación e a día de hoxe, no 2025, o Goberno de España non é capaz de mantela en bo estado”.
Os senadores dirixían unha pregunta formal ao Goberno sobre a paralización das obras de rehabilitación dende o pasado verán, pero tamén sobre a falta de sinalización horizontal en 10 dos 69 km dende a cidade de Lugo e o límite provincial con Vilamarín (Ourense) na que “o Goberno asegura que dispón das marcas viarias de obra, pero non está pintada na súa totalidade”, aseguran.
DESIDIA E ABANDONO
Os populares subliñan o seu elevado “nivel de deterioro” debido á “desidia dun presidente que leva 7 anos sen facer ningún tipo de mantemento” e o paso de dous ministros: Ábalos e Puente. O primeiro “dedicábase a todo menos ao que se tiña que dedicar”, e o segundo presume da súa relación con Lugo, “pero para iso hai que estar cos veciños e veciñas e atender as súas necesidades”.
Os senadores subliñaron unha vez máis “a discriminación de Sánchez cos galegos en xeral e cos lucenses en particular: tennos abandonados en materia de infraestruturas”.
O pésimo estado da vía provocou nos últimos meses a convocatoria de concentracións para reclamar a rehabilitación integral desta, a principal vía de comunicación coa cidade de Ourense toda vez que a A-56 non está rematada.
O PP lucense tamén reivindicou o seu arranxo dende o Parlamento de Galicia onde recentemente se aprobaba por unanimidade unha iniciativa do PP para reclamar ao Goberno de España a inmediata rehabilitación integral do firme da vía. A proposta que defendeu o Grupo Popular na Deputación Provincial saíu rexeitada cos votos en contra de PSOE e BNG.