Partido Popular de Lugo

Grueira: “O alcalde de Pol está obsesionado co fútbol e deixa de lado os problemas máis urxentes do concello”

Pol, 8 de maio de 2025. O Partido Popular de Pol denuncia con firmeza a obsesión do alcalde, Lino Rodríguez, co fútbol, mentres o concello sofre o abandono absoluto en cuestións prioritarias. Pol non pode seguir sendo gobernado como se fose un club deportivo privado.

“As pistas están feitas un desastre, o colexio arrastra problemas provocados pola súa mala xestión, hai facturas sen pagar na residencia de maiores… e mentres tanto, o señor alcalde segue centrado unicamente no fútbol”, afirma a voceira popular, Nicole Grueira.

A situación económica é alarmante: Pol acumula unha débeda que supera os 3,5 millóns de euros, situándoo entre os catro concellos máis endebedados de Galicia. A pesar disto, Lino Rodríguez continúa priorizando o gasto nun único ámbito, mentres os servizos básicos e a calidade de vida da veciñanza empeoran cada día.

“Non estamos en contra do deporte, pero si estamos radicalmente en contra de que se esqueza do resto do concello. Esiximos que o alcalde deixe de gobernar como se fose un presidente dun club e comece a actuar como o que debería ser: alcalde de todos”, engade Grueira.

Desde o PP de Pol esixen ao alcalde que deixe de gobernar mirando só para o campo de xogo e comece a facelo pensando en todos os veciños, que son quen sofren as consecuencias do seu desinterese pola xestión pública.