Partido Popular de Lugo

Ameijide acusa a Tomé de “non respectar o medio ambiente” e “buscar a confrontación constante coa Xunta” tras outro incidente coas árbores de Santa María

Xoves, 8 de maio de 2025. O portavoz do PP na Deputación, Antonio Ameijide, aprecia unha “ausencia total de respecto do goberno de PSOE e BNG polo medio ambiente e a protección das aves”, á vista da caída dun niño durante as tarefas de poda nas árbores de Santa María que se realizaban este mércores 7 de maio incumprindo as recomendacións dos axentes ambientais da Xunta.

Ameijide subliña, ademais, que “todo indica que Tomé quere confrontar coa Xunta de Galicia. Parece que busca que o volvan multar” toda vez que “o goberno provincial xa recibiu propostas de sanción” relacionadas con traballos deste tipo.

O popular lembra que “en maio do 2023, cando se detectou a presenza de niños, foran paralizados traballos similares que o goberno provincial recuperou practicamente pola porta de atrás na mañá dun sábado de agosto”, derivando nun expediente sancionador a un funcionario da Deputación por “atender a ordes expresas de Tomé que supoñían incumprir a lei ao denegar o paso ás autoridades, os axentes medioambientais, que se dispoñían a verificar que non houbera niños nin ovos”.

Precisamente, na última xunta de goberno celebrada o 2 de maio, o goberno de PSOE e BNG aprobaba ir ao xulgado para recorrer a proposta de sanción cunha multa de 2.000 euros por realizar a poda sen ter solicitado a autorización pertinente para os traballos acometidos en agosto do 2023. “E practicamente 5 días despois volve incumprir”, sentenza.

Neste caso, o goberno provincial si solicitara autorización; “pero de nada vale porque non respectaron os condicionantes que lle trasladaran por escrito como era a indicación de non proceder á actuación prevista no caso de detectarse niños e a presenza de ovos, polos ou crías”, incide o popular.

Ameijide afea que “Tomé se crea que está por enriba do ben e do mal. A súa soberbia fai que pense que pode estar por riba da lei”. Neste caso, “non só comete unha infracción, senón que parece que é buscada”.