Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte reiteran por escrito o acceso a varios expedientes municipais “ante as trabas postas por José Tomé” que “impide sistematicamente que accedamos á documentación que solicitamos, non sabemos se para tapar as súas irregularidades ou directamente para impedir o traballo de fiscalización da oposición”.
A voceira municipal, Katy Varela, explica que se pediu de novo acceder ao expediente completo relativo a inscrición da muralla medieval de Monforte como ben de titularidade municipal, así como á sentencia da que se dá conta na acta da xunta
de goberno do 10 de marzo, con número de resolución 74/2025, e da sentencia recorrida 57/2024 do xulgado do contencioso.
“Estamos cansos de ter que reiterar ata en tres ou catro ocasións o acceso á documentación de funcionamento do Concello”, peticións “lexítimas e amparadas pola lei”, tal e como se recolle na Lei de Bases do réxime Local no seu art. 77:
- “Todos os membros das Corporacións locais teñen dereito a obter do alcalde ou presidente ou da Comisión de Goberno cantos antecedentes, datos ou informacións obren en poder dos servizos da corporación e resulten precisos para o desenvolvemento da súa función”
Ademais, a lexislación vixente establece que a solicitude de exercicio do dereito
haberá de ser resolta motivadamente nos cinco días naturais seguintes a aquel en que se presentou, “algo que tampouco se está a realizar”.
Unha situación ante a que Katy Varela se amosa contundente: “o alcalde de Monforte non coñece a lei, a coñece e deliberadamente a incumpre ou a coñece pero non ten o control dos asuntos do seu Concello e por iso non son capaces de entregar en tempo e forma a documentación solicitada e que a lei lle obriga”.