Samos, 30 de abril de 2025.- “O Goberno de Sánchez confirma nunha resposta por escrito ás preguntas formuladas polos senadores lucenses –José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- “que non se vai repoñer o caixeiro de Correos en Samos” e os populares instan ao Concello a solicitar a instalación dun novo caixeiro automático”.
Tendo en conta a propia resposta oficial e por escrito do Executivo na que confirman que o adxudicatario do servizo instalado en Samos -no marco dun acordo entre Correos e entidades bancarias- decidiu finalizar o contrato e que o propio Goberno explica que dispón doutros instrumentos para a instalación de futuros caixeiros en instalacións de Concellos ou organismos interesados.
De feito, explican concretamente que “Correos mantén un acordo con outra sociedade que se encarga da instalación e xestión deste tipo de terminais, actuando como facilitador para a instalación dos caixeiros automáticos nas dependencias dos Concellos ou outros organismos que estean interesados”.
O senador José Manuel Balseiro e o portavoz, Miguel Gallego, condenan “o desmantelamento” do caixeiro que supuxo “a perda dun servizo no municipio de Samos” e que, ademais, o caixeiro fora retirado “sen previo aviso e sen ofrecer ningún tipo de explicación”.
Se un dos obxectivos da iniciativa promovida polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico e o Grupo Correos era evitar a exclusión financeira en zonas rurais, “coa retirada do caixeiro conseguiuse precisamente o contrario”: os veciños e veciñas perderon a posibilidade de retirar efectivo ou, incluso, de facer algunha operación sen ter que desprazarse a outras localidades”.
Balseiro subliña que “mentres a Xunta está a instalar caixeiros nos concellos do rural que non dispoñen de sucursais bancarias -Samos foi un dos beneficiarios desta iniciativa-, o Goberno de Sánchez está a retirar este servizo”.