Pol, 30 de abril de 2025. O Concello de Pol está no top 4 dos concellos de Galicia que máis debe, segundo unha información recente. A voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, cre que “esta é unha mala noticia para Pol”. Cunha poboación de apenas 1.600 habitantes e unha débeda moi elevada, “a situación financeira é alarmante, sobre todo porque non se traduce en investimentos importantes que melloren o día a día dos veciños”, engade.
“A posibilidade de ampliar ata 20 anos o prazo de amortización da débeda municipal confirma unha realidade preocupante para o Concello de Pol e para todos os veciños e veciñas”, expón Grueira.
A popular advirte que “a débeda, que supera os 3,5M€, terá que ser pagada por todos, hipotecando o Concello durante moitas décadas”. Así mesmo, indica que “esta carga condicionará gravemente a capacidade de manobra deste goberno municipal e tamén do futuro goberno local, limitando investimentos necesarios en servizos públicos, infraestruturas, cultura ou dinamización económica”.
Resulta especialmente preocupante que o Concello rexistre un alto nivel de endebedamento pero que iso non supoña mellores servizos para os veciños e veciñas. É dicir, “o Concello gasta, pero os veciños e veciñas non se vén beneficiadas”.
Grueira ten denunciado en numerosas ocasións a “mala xestión económica e a falta de planificación do gasto” por parte do alcalde “como evidencia a liquidación do exercicio 2024”.
E subliña que “é necesario agora máis ca nunca unha xestión rigorosa, transparente e responsable que busque saídas reais a esta situación sen comprometer o futuro de Pol nin hipotecar máis ás próximas xeracións”.