Martes, 29 de abril de 2025. Os deputados populares critican “a nula preocupación” de PSOE e BNG pola seguridade viaria na provincia e porque os lucenses “teñamos unhas infraestruturas e conexións dignas do S.XXI”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que “hoxe PSOE e BNG negáronse a, en primeiro lugar, cumprir coas súas competencias e manter as estradas provinciais nunhas condicións mínimas de seguridade”, pero tamén “se negaron a esixir ao Goberno do Estado o repavimentado da N-540 e a iniciar a construción da A-56 (Lugo – Ourense)”.
A realidade é que urxe o arranxo, ensanche e mellora das estradas provincias LU-P-4001 e LU-P-4002, que conectan os concellos de Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei, así como tamén son as principais conexións destes municipios coa A-54.
“É preciso mellorar o mantemento destas vías, así como aumentar o seu ancho, xa que en canto a A-54 se atope completamente aberta á circulación aumentarán considerablemente a súa densidade de circulación”.
Ameijide recorda que tamén se pedía a unidade do pleno da Deputación para reclamar ao Goberno do Estado “o impulso da construción da A-56 Lugo-Ourense e prazos concretos e partidas orzamentarias” e prazos e compromisos concretos para renovar a N-540, a única conexión entre Lugo e Ourense, así como única forma que “temos os lucenses de chegar á Alta Velocidade ferroviaria”. “Xa son dous anos nos que Pedro Sánchez non parou de realizar promesas e non cumprir ningunha, os lucenses precisamos feitos e non palabras”, sentenciou.
Por outra banda, Antonio Ameijide denuncia “as constantes mentiras de José Tomé” sobre a alta velocidade ferroviaria: “a realidade é que os trens dos que presume Tomé non van a circular a máis de 220 quilómetros/hora de media entre Lugo e Ourense, rétoo a ir a un notario a asinalo e se non se cumpre o presidente da Deputación debe dimitir”.