Partido Popular de Lugo

O PP critica que PSOE e BNG dixeron NON á construción da residencia de maiores de Folgoso do Courel, comprometida pola Deputación no ano 2018

Martes, 29 de abril de 2025. Os deputados populares critican que o goberno de PSOE e BNG siga a dar as costas aos veciños de Folgoso do Courel tras ver como votaron en contra de impulsar a construción do centro de atención a maiores comprometido en 2018 entre a Deputación de Lugo e o propio Concello.

Os deputados populares sinalan que “hoxe todos os veciños de Folgoso do Courel” puideron ver “o sectarismo” que guía ao goberno de José Tomé que “toma as súas decisións mirando unicamente a cor política que goberna cada municipio”.

Incluso, PSOE e BNG quixeron hoxe “rachar” o convenio asinado ao presentar unha emenda de substitución á iniciativa do Grupo Provincial Popular “para que en lugar de construír a residencia a Deputación (segundo establece o convenio asinado) e que sexa a Xunta de Galicia a que a construíse”.

Os populares aproveitan para “agradecer o esforzo realizado por Lola Castro e medio cento de veciños de Folgoso do Courel” que hoxe se achegaron ata o pleno provincial para escoitar de primeira man “as escusas de PSOE e BNG para seguir negando a construción da residencia comprometida hai xa 7 anos”.

Neste senso, os deputados populares afirman que “seguiremos traballando ata que PSOE e BNG cumpran con todos os veciños de Folgoso do Courel” que levan sete anos agardando a contar con este centro de atención a maiores “unha necesidade moi importante no municipio”.

Mentres PSOE e BNG seguen negándose a cumprir co asinado en 2018, o Concello de Folgoso do Courel cumpriu con todas as obrigas que lles asignaba o convenio, entre as que se atopan a posta a disposición dos terreos, no ano 2019, e, posteriormente, a resolución da licenza de obra, o 13 de xaneiro de 2022, despois de que a Deputación de Lugo corrixise os numerosos erros detectados no proxecto que inicialmente se presentase dende o goberno provincial.

UNHA DÉCADA AGARDANDO POLA RESIDENCIA

No ano 2015 comezaron as conversas para a creación do convenio inter administrativo entre o Concello de Folgoso do Courel e a Deputación de Lugo, un acordo que se asinou en 2018 e que tivo que prorrogarse en dúas ocasións.

O investimento necesario estimouse en 1.400.000€, dos cales a Deputación aportará 1.200.000€ e se encargará, entre outros cometidos, de licitar, adxudicar e xestionar os contratos de obra e servizos precisos, correspondendo ao Concello de Folgoso do Courel achegar 200.000€ e, entre outros, aportar os terreos necesarios para a construción da residencia e o centro de día.

O 11 de decembro de 2019 se solicitou a prórroga do convenio xa que remataba a finais dese ano e se asinou a prórroga da addenda ao convenio entre a Deputación de Lugo e o Concello de Folgoso do Courel para a execución dos fins comúns consistentes na construción de residencia e centro de día da terceira idade, aprobada anteriormente na xunta de goberno do 23 de xaneiro do 2018 e rectificada na xunta de goberno provincial do 23 de xaneiro do 2020, ampliando ata o 31 de decembro do 2021.

Neste tempo, o 18 de xuño de 2020, a alcaldesa de Folgoso do Courel mantivo unha reunión co presidente da Deputación para tratar, entre outros temas, a construción da residencia, manifestando José Tomé “o seu total compromiso, tal e como se constata na addenda ao convenio de seguir adiante coa tramitación para sacar a construción da residencia adiante”.

Visto que a finais do ano 2021 se asinou segunda addenda de prórroga, tendo como data límite para a construción da residencia o mes de xullo de 2025.

Incluso, a alcaldesa Lola Castro solicitou unha nova xuntanza con José Tomé, que finalmente foi co deputado delegado, Pablo Rivera, onde se explicou que tiñan que revisar o proxecto polo aumento dos prezos dos materiais coa intención de evitar problemas de licitacións desertas como esta a ocorrer noutras residencias.