Partido Popular de Lugo

O PP defenderá no pleno que a Deputación cumpra o convenio asinado cos veciños de Folgoso do Courel e mellorar a seguridade viaria na provincia

Luns, 28 de abril de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán no pleno de mañá que o goberno de PSOE e BNG cumpra o convenio asinado en 2018 para construír unha residencia de maiores en Folgoso do Courel, así como para mellorar a seguridade viaria nas estradas provinciais LU-P-4011 e LU-P-4002 e esixir ao Goberno do Estado o impulso da construción da A-56 Lugo-Ourense o arranxo inmediato e urxente da N-540.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, recorda que “PSOE e BNG teñen que cumprir con todos os veciños de Folgoso do Courel” que levan oito anos agardando a contar con este centro de atención a maiores “unha necesidade moi importante no municipio”.

O voceiro popular pregunta a José Tomé “por que esta residencia está completamente paralizada”, a pesar de que dende o Concello de Folgoso do Courel cumpriron con todas as obrigas que lles asignaba o convenio asinado, entre as que se atopan a posta a disposición dos terreos, no ano 2019, e, posteriormente, a resolución da licenza de obra, o 13 de xaneiro de 2022, despois de que a Deputación de Lugo corrixise os numerosos erros detectados no proxecto que inicialmente se presentase dende o goberno provincial.

“Ninguén pode entender por que Folgoso do Courel, tendo cumpridas todas as súas obrigas ten a residencia paralizada” e, por exemplo, “no Concello de Cervantes están a iniciar todos os trámites para a construción da residencia comprometida a pesar de nin contar cos terreos”, sinalou, ao que engade que “agardamos que non teñan nada que ver as cores políticas que dirixen cada municipio porque senón estarían a trasladar unha mensaxe moi negativa a toda a provincia: que o sectarismo é a súa folla de ruta”.

GARANTIR A SEGURIDADE VIARIA

Os deputados populares seguirán insistindo na mellora da seguridade viaria, tanto nas estradas que dependen da Deputación de Lugo como do Goberno do Estado, xa que “a falta de mantemento durante moitos anos provocou que sexa un perigo circular por elas”.

Neste senso, os populares esixirán a PSOE e BNG o arranxo, ensanche e mellora das estradas provincias LU-P-4001 e LU-P-4002, que conectan os concellos de Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei, así como tamén son as principais conexións destes municipios coa A-54.

Antonio Ameijide explica que “é preciso mellorar o mantemento destas vías, así como aumentar o seu ancho, xa que en canto a A-54 se atope completamente aberta á circulación aumentarán considerablemente a súa densidade de circulación”.

Ditas vías son uns dos máis importantes nexos de unión entre estes municipios e conexión con numerosos polos de emprego, polígonos industriais, vilas, a onde a diario teñen que desprazarse os veciños da zona. “A pesar de que non é a primeira vez que reclamamos a mellora destas estradas o goberno provincial segue a mirar cara outro lado, a pesar de que tamén son vías coincidentes co Camiño de Santiago polo urxe garantir a seguridade dos peregrinos que comparte a vía cos condutores”, explicou.

Tamén se defenderá que a Deputación esixa ao Goberno do Estado “o impulso da construción da A-56 Lugo-Ourense e prazos concretos e partidas orzamentarias” para renovar a N-540, a única conexión entre Lugo e Ourense, así como única forma que “temos os lucenses de chegar á Alta Velocidade ferroviaria”. “Xa son dous anos nos que Pedro Sánchez non parou de realizar promesas e non cumprir ningunha, os lucenses precisamos feitos e non palabras”, sentenciou.

ROGOS E PREGUNTAS

Os deputados populares preguntarán ao goberno de PSOE e BNG polas queixas existentes sobre o funcionamento da residencia de maiores de Trabada, na que os populares pediron acceso ao libro de reclamacións, queixas realizadas tanto polos usuarios e as súas familias como polos propios traballadores. Tamén se preguntará polos plans que ten previstos o goberno provincial para a nave que ten en Begonte, no polígono de Carral, e á que non se lle dá máis uso que de almacén.

Os populares tamén defenderá que a Deputación realice o mantemento periódico do Paseo do Rato e que se estude a posibilidade de realizar a limpeza do cauce para evitar desbordamentos, ademais de acometer de inmediato a posta a punto das principais zonas turísticas de cada concello da provincia de cara á campaña de verán.