Lugo, 27 de abril de 2025.- Os representantes do PP por Lugo na Cámara Alta –José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- esixen explicacións ao Goberno de Sánchez sobre a situación do viaduto do Castro, na A-6”, que vén de ser pechado ao tráfico para realizar obras de envergadura despois da reabrir fai apenas catro meses. Con este novo peche, a principal infraestrutura viaria de conexión coa Meseta vese “condicionada falta de xestión do Goberno de España”.
Os populares advirten dun “novo engano aos lucenses e aos galegos” porque “ou mentiu na resposta oficial de fai dous meses -en febreiro do 2025- ás nosas preguntas sobre a seguridade estrutural e a posibilidade de acometer novos traballos ou minte agora xustificando a intervención na imposibilidade de acometer estes traballos no inverno; co que recoñecerían que xa sabían que someterían a autovía a novos peches ao tráfico”.
Os senadores do Partido Popular dirixíanse ao Executivo para que explicara por escrito se podía garantir que a reapertura se realizaba unha vez confirmada a seguridade estrutural e se estaba previsto algún labor de monitorización para detectar, previr e reparar posibles danos.
Os populares entenden que “algo non cadra” á vista da resposta oficial na que confirmaban que “a reapertura ao tráfico se realizou cumprindo escrupulosamente todas as esixencias normativas, incluíndo as correspondentes probas de carga” e que a finais do mes de decembro o Goberno aseguraba que a principal entrada e saída por autovía entre Galicia e Castela e León “recuperaba a súa normalidade” tras dous anos e medio de obras.
“O certo é que o novo peche ao tráfico para realizar estes novos traballos de impermeabilización do taboleiro, fresado do pavimento actual e estendido de novas capas de aglomerado non nos sorprende despois dun cúmulo de malas decisións do Goberno de Sánchez e atrasos que prexudicaron aos usuarios da autovía do Noroeste”, expoñen.
Os populares lembran que un dos viadutos colapsou despois de investir máis de 26M€ e pouco antes de reabrir ao tráfico. Posteriormente derrubouse o outro e o Ministerio negouse a reconstruílos de forma simultánea, que é a fórmula habitual, o que supuxo unha dilatación temporal das obras e da súa posterior posta en servizo, a finais do 2024.
Incluso o desvío provisional habilitado polo Ministerio “obrigaba a cruzar o núcleo urbano de Pedrafita xerando atascos e non podendo ser empregado polos vehículos pesados en condicións de seguridade”.