Partido Popular de Lugo

O PP defenderá no pleno a necesidade de que o Concello de Monforte amplíe a RPT con perfís profesionais cualificados para realizar funcións específicas

Monforte, 26 de abril de 2025. Os concelleiros do Grupo Municipal Popular defenderán no vindeiro pleno que a Relación de Postos de Traballo municipal recolla perfís profesionais máis cualificados para desempeñar funcións máis específicas.

A voceira popular, Katy Varela, quere, en primeiro lugar, “agradecer o traballo que realizan todos os funcionarios e profesionais que traballan para o Concello de Monforte” pero “tamén nos solicitan que no Concello debe de haber perfís profesionais concretos para realizar traballos moi determinados”.

Neste senso, os concelleiros populares ven necesario que o Concello de Monforte conte con:

  • Un técnico de turismo con grao de Turismo
  • Un técnico de promoción económica con grao en Economía e ou empresa
  • Un arquitecto máis para a área de urbanismo
  • Un técnico de obras, con titulación técnica en obra pública e civil ou enxeñería de camiños

Katy Varela explica que “o Concello de Monforte ten que dar un paso de profesionalidade en determinados departamentos, para dinamizar o ámbito económico e social da cidade, e así recuperar poboación e recuperar o brío do pasado”.

A realidade actual do municipio “é de parálise”, polo que “consideramos urxente incorporar estes perfís profesionais ante a incapacidade do equipo de goberno para dinamizar Monforte, a pesar do poder económico do que presumen”.

Katy Varela recorda que nos últimos meses “vemos con moita preocupación o constante peche de negocios e o desánimo semella terse instalado no municipio, polo que cremos necesario dotar ao Concello de profesionais cualificados que poidan liderar determinados apartados profesionais a favor da prosperidade da cidade e de todos os cidadáns, como así sucede en outras áreas onde funciona moi ben como pode ser deportes, ou cultura”.