Partido Popular de Lugo

Ameijide reclama “coherencia” a BNG e PSOE na Deputación e no Concello e pídelles que decidan que queren facer en Paradai porque “o teñen na súa man”

Venres, 25 de abril de 2025. O portavoz do Grupo Provincial e concelleiro de Lugo, Antonio Ameijide, pide “coherencia” a PSOE e BNG nos gobernos do Concello e da Deputación de Lugo e que “decidan que queren facer con Paradai” porque “o teñen na súa man”.

“O Partido Popular estará sempre do lado dos veciños aos que lles trasladamos o noso apoio expreso para atender o urxente e importante. Arroxo nin sequera se manifestou ante o problema das inundacións. Cobra como goberno, pero só traballa como oposición ao PP esquecéndose de gobernar e de que PSOE e BNG teñen a facultade de decidir”, explican os populares.

O portavoz provincial indica que “se PSOE e BNG queren que non se constrúa, despois de case dúas décadas enredando con ese barrio, deben buscar a fórmula para rescindir acordos anteriores e declarar todo zona verde”.

Ameijide subliñou que “se hai alguén que defende o paseo do Rato e que non se destrúa o entorno nin se xere impacto negativo no río é o Partido Popular, que foi o que construíu as zonas verdes da cidade de Lugo -tanto o paseo do Rato como o paseo do Miño-; mentres que en 20 anos de gobernos de PSOE e BNG no Concello e na Deputación non se avanzou nin un só metro, senón que, ademais, non coidan o que herdaron”.

O popular condena que “os mesmos partidos políticos que gobernan en ambas institucións digan unha cousa no Concello e fagan a contraria na Deputación Provincial”, despois de que “Rubén Arroxo diga aos veciños que non quere construír en Paradai, cando o seu partido, o BNG, forma parte do goberno que contratou a unha arquitecta para o desenvolvemento urbanístico da zona”.

Tomé asinou, concretamente, o 20 de novembro de 2024 un decreto para autorizar o pago de 12.100€ para a contratación da ‘Adaptación dos documentos para aprobación inicial do Plan Parcial S-13R do ano 2018 aos requirimentos municipais e nova lexislación’ o que supón que “o goberno da Deputación, do que forma parte do alcalde de Lugo, Miguel Fernández, si está a favor da edificabilidade de Paradai”.

Ameijide incide en que “PSOE e BNG teñen nas súas mans” decidir se se constrúe ou non. É máis, “teñen unha oportunidade de ouro” toda vez que poden decidir devolver ao comprador o diñeiro que recibiron polo primeiro pago da venda deses terreos -os dous seguintes non se chegaron a materializar porque PSOE e BNG non foron capaces de ordenar urbanísticamente a zona- en lugar de entregarlle a parcela como recollía o acordo inicial.

PROCEDEMENTO

A Deputación de Lugo sacaba á venda fai 18 anos uns terreos que, segundo o desenvolvemento urbanístico impulsado polo goberno do PSOE no Concello, son edificables.

Tras un procedemento público ao que se presentaron tres licitadores, foron adxudicados a un promotor cun compromiso de pago de 3M€ en tres prazos: en torno a 1M€ no momento da firma do contrato, outro cando a tramitación urbanística estivera rematada e o restante cando se adxudicara a parcela de reemprazo.

A día de hoxe, nin a Deputación de Lugo ingresou os 3M€ nin o promotor -que pagou 1M€ no primeiro prazo- puido facer nada cos terreos. O caso está pendente de resolución pola vía civil.