Monterroso, 24 de abril de 2025.- O Partido Popular pedirá dende o Congreso dos Deputados que o Goberno de España compense aos Concellos onde se localizan centros penitenciarios dependentes do Ministerio de Interior polos gastos pola prestación de servizos básicos e a perda que supón para as arcas municipais a exención do IBI destes centros. E tamén defenderá unha proposta para que “o Goberno priorice, na medida do posible, as compras públicas nos comercios locais para contribuír á dinamización económica dos municipios”.
Os deputados nacionais do PP por Lugo Francisco Conde, Jaime De Olano e Cristina Abades e a portavoz de Interior do Grupo Popular no Congreso, Ana Belén Vázquez, explicaron ambas iniciativas despois de visitar o centro penitenciario de Monterroso acompañados polo alcalde do municipio, Eloy Pérez.
Os Concellos están obrigados por lei a prestar servizos básicos como o abastecemento de auga potable, o mantemento da rede viaria, a recollida do lixo ou a prestación de servizos sociais sen que perciban ningunha cantidade por parte do Ministerio pola prestación destes servizos. Ademais, os Concellos deixan de recadar porque estes centros están exentos do IBI.
Toda vez que estes gastos poden xerar desequilibrios orzamentarios nos Concellos e afectar á capacidade da administración local para prestar servizos públicos aos veciños e veciñas, os populares inciden en pedir medidas compensatorias, como fixo a Xunta de Galicia creando un fondo adicional compensatorio que amortigüe parte desa carga económica. “Non pedimos ningún trato de favor, senón un trato xusto”, apuntan.
Concretamente, o PP pide a través dunha Proposición No de Ley (PNL) que o Goberno do Estado teña en conta a poboación media anual de reclusos de cada centro penitenciario, nos seus respectivos concellos, á hora do reparto dos Fondos de Cooperación Local e que proceda á compensación pola perda de recadación derivada da exención establecida no Imposto de Bens Inmobles (IBI) a través da participación das Entidades Locais en Tributos do Estado (PIE) cunha asignación fixa anual en relación coas cotas obxecto da exención, nos concellos onde se localizan os centros penitenciarios.
E a través doutra PNL dirixiranse ao Ministerio de Interior para propoñerlle que, na medida do posible, fomente as compras públicas no comercio de proximidade. “É unha medida de apoio ao comercio local e, por conseguinte, de apoio aos pequenos concellos, ao emprego, ao asentamento da poboación e que contribúe a xerar oportunidades nestes municipios”, segundo consideran.